saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pedro Puy asegura que "seguiremos defendendo os intereses de Galicia ante as decisións do Goberno central que introducen incertezas moi grandes"

O PPdeG avanza a inclusión no Pleno da comparecencia a petición propia do Vicepresidente da Xunta para informar das actuacións no accidente do Marisquiño

Goberno do Estado 04/09/2018

Santiago, 3 de setembro de 2018.- Pedro Puy  indicou que o PPdeG continuará no novo período de sesións “defendendo os intereses de Galicia ante as decisións do Goberno central que introducen incertezas moi grandes”, para o que “espero que os socialistas galegos nos axuden e sexan coherentes”. Tamén sinalou que o Grupo Popular solicitará na Xunta de Portavoces de mañá a inclusión no Pleno da vindeira semana da comparecencia do Vicepresidente da Xunta para informar das actuacións da Administración galega no accidente do festival do Marisquiño en Vigo, segundo avanzou hoxe o portavoz Pedro Puy.
 
A maiores do apoio á petición de comparecencia por iniciativa propia do Vicepresidente da Xunta para informar das actuacións da Xunta con motivo do accidente ocorrido durante a celebración do festival do Marisquiño en Vigo, Pedro Puy engadiu que “tamén proporemos a inclusión na sesión plenaria do debate para a aprobación do ditame da Comisión de estudo sobre política forestal e incendios forestais.
 
MAN TENDIDA
 
Neste sentido, lembrou que o ditame xa contou co respaldo en comisión dos grupos parlamentarios do PPdeG e do PSdeG, polo que manifestou que “mantemos a man tendida para que tanto En Marea como o BNG se sumen ao documento, xa que se incorporaron moitas emendas destes grupos e incluso apoiaron na votación en Comisión moitas das iniciativas incluídas no ditame”.
 
A modo de resumo, o portavoz popular dixo que o ditame recolle recomendacións como a necesidade dunha planificación integral do territorio e dos usos do solo rural; dotar de novas competencias á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para impulsar a mobilidade de terras produtivas e a creación de polígonos agrarios e distritos forestais; centralizar nun ente instrumental específico, dependente da Xunta, as funcións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos; ou a creación dun grupo de expertos para optimizar a eficacia do servizo de extinción de incendios.
 
“Vai ser un pleno con contido que abre un novo período de sesións intenso no que conflúen o Debate sobre o Estado da Autonomía e a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2019, pendentes da aprobación do teito de gasto”, sinalou.
 
CRECEMENTO ECONÓMICO E ESTADO DE BENESTAR
 
Cuestionado sobre as prioridades do Grupo Popular para os vindeiros meses, Puy asegurou que “seguiremos centrados en dous grandes ámbitos: continuar cun crecemento económico san e sostible dos nosos sectores produtivos para xerar emprego e mellorar as prestacións sociais do Estado de  Benestar”.
 
Neste sentido, asegurou que “non facemos oposición ao Goberno de Pedro Sánchez, porque o que nos preocupa é que as súas actuacións estean condicionadas por unha minoría parlamentaria clamorosa que lle obriga a pactar cos seus aliados cuestións que prexudiquen a Galicia”. “Seguiremos defendendo os intereses de Galicia sempre que as decisións que se adopten prexudiquen a esta comunidade”, indicou.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina