saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pedro Puy: "O Goberno galego está a facer unha xestión perfectamente defendible e explicable, da que se poden render contas"

O voceiro popular indicou que “afrontaremos este debate coa man tendida á oposición para aprobar novas propostas que sexan boas para a cidadanía galega”.

Debate Estado Autonomía 2018 02/10/2018

Santiago, 1 de outubro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o Goberno galego “está facendo unha xestión perfectamente defendible e explicable, da que se poden render contas” no Debate sobre o Estado da Autonomía que se celebrará a vindeira semana. Neste sentido, indicou que “afrontaremos este debate coa man tendida á oposición para aprobar novas propostas que sexan boas para a cidadanía galega”.
 
Pedro Puy explicou que a reunión celebrada esta mañá polos deputados do Grupo Popular serviu para iniciar a preparación do Debate sobre o Estado da Autonomía, un debate “certamente importante e transcendente, que servirá para que o Goberno galego renda contas e explique o que vai facer” na segunda metade da presente lexislatura.
 
MOMENTO RELEVANTE
 
O debate “coincide cun momento relevante a nivel da política estatal polos cambios acontecidos desde o pasado ano”. A nivel galego, Puy sinalou que “a situación é boa, acompañada dunha xestión boa”, grazas a que “o goberno de Galicia conta cunha estabilidade que lle da marxe para emprender políticas a curto e longo prazo”. Neste sentido, apuntou que “somos exemplares no sentido que outras comunidades autónomas miran cara nós e preguntan como desenvolver determinadas políticas” tanto económicas como sociais.
 
Respecto da reorganización do Grupo Popular como consecuencia do nomeamento do portavoz do Medio Rural como conselleiro e da incorporación dos ex conselleiros Bea Mato e José Manuel Rey, Pedro Puy manifestou que estes últimos “asumirán responsabilidades no grupo parlamentario e intentaremos aproveitar a súa experiencia no Goberno galego para mellorar o noso traballo”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina