saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pedro Puy: "Programar 250 comparecencias na comisión de Sanidade levaríanos a un traballo redundante e dificilmente abordable nunha comisión”,

Puy avoga por conseguir un acordo sobre comparecentes e documentación nas comisións de investigación sobre a sanidade e o Marisquiño

Comisións de investigación 30/10/2018

Santiago, 29 de outubro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe a disposición do PPdeG para, unha vez analizados polo miúdo os plans de traballo presentados polos grupos da oposición das comisións de investigación sobre a sanidade pública e o accidente do Marisquiño en Vigo, “conseguir que haxa un acordo para que estean os comparecentes e a documentación que poidan contribuír mellor á finalidade para a que foron constituídas ambas comisións”.
 
Puy sinalou que a última hora desta mañá reuníronse as respectivas mesas de ambas comisións de investigación para fixar as sesións nas que se debatan os plans de traballo. Neste sentido, explicou que a mesa “adoita propoñer como documento inicial para o debate o texto presentado polo grupo maioritario, porque é o que conta inicialmente con máis apoios, o que non supón que durante a comisión se poidan chegar a acordos para incorporar comparecentes e documentación dos grupos da oposición”.
 
Respecto da comisión de investigación sobre a sanidade pública, Puy concretou que se rexistraron arredor de 250 peticións de comparecencias, polo que avogou por “racionalizar o debate de tal maneira que todo aquilo que sexa interesante sexa abordado a través de comparecentes”. Neste sentido, considerou “de sentido común que programar 250 comparecencias levaríanos a un traballo redundante e dificilmente abordable nunha comisión de investigación”.
 
COMPARECENTES SOBRE GASTO SANITARIO
 
O portavoz popular lembrou que a oposición acordou a constitución desta comisión de investigación para coñecer a incidencia dos recortes nas prestacións sanitarias que reciben os galegos, pero “non incluíron entre os seus comparecentes a ningún experto en gasto sanitario que permita saber se a idea de recortes na sanidade é certa ou averiguar a que se debe que haxa partidas que diminúen, como é o caso da incorporación de xenéricos á prestación farmacéutica”.
 
“Desde o Grupo Popular queremos falar da evolución do gasto sanitario nos últimos anos e para iso pedimos a comparecencia de distintos expertos, como o propio conselleiro de Facenda, o Consello de Contas de Galicia ou da doutora especialista en economía da saúde Beatriz González”, indicou.
 
Así mesmo, Puy indicou que o Grupo Popular incorporou na súa proposta de  plan de traballo unha ampla representación de profesionais sanitarios, expertos en saúde pública ou pacientes, pero tamén en áreas concretas como a farmacia, oncoloxía, psiquiatría, enfermería, medicina de familia ou atención primaria. Para avaliar os avances nos tratamentos da hepatite C, o  Grupo Popular solicita a comparecencia de pacientes transplantados ou con hemofilia, así como especialistas en dixestivo e incluso o asesor xurídico do SERGAS. Respecto do caso do paciente falecido no PAC de A Estrada, chámase a comparecer ao director de Procesos sen Ingreso e Urxencias da EOXI de Santiago e ao director de coordinación asistencial-Urxencias Sanitarias 061, que participaron directamente neste lamentable suceso.
 
Por último, a nivel institucional, e a maiores da comparecencia xa citada do conselleiro de Facenda, o Grupo Popular solicita a presenza do Presidente da Xunta, do conselleiro de Sanidade; do xerente do SERGAS; e do director xeral de Asistencia Sanitaria.
 
No que atinxe á comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño en Vigo, Pedro Puy afirmou que “existe un maior grao de coincidencia coa oposición nos comparecentes propostos, polo que agora no Grupo Popular imos estudar cales complementan a nosa proposta e contribúen ao bo fin da investigación”.
 
“Tendo presente que a Xunta carece de responsabilidade na tramitación do accidente do Marisquiño, a pesar disto chamamos a comparecer ao delegado territorial en Vigo; ao xerente da EOXI de Vigo, para informar do operativo sanitario; e ao director xeral de Emerxencias, para dar conta do operativo activado”, concretou.
 
Ademais, a proposta de plan de traballo incorpora a solicitude de comparecencia dos afectados no accidente e a un conxunto de profesionais e expertos (tanto relacionados co propio festival como da administración local viguesa) para informar de toda a tramitación deste certame e das accións levadas a cabo.
 
O listado complétase coa solicitude de comparecencia do alcalde de Vigo e dos concelleiros de Seguridade; Xestión Municipal; e Urbanismo.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina