Os sucesivos recortes económicos aplicados no Parlamento no que vai de lexislatura sitúan o seu orzamento nos niveis de 2006

• O Orzamento desagregrado do Parlamento de 2012 é 2,1 M€ inferior ao de 2009
 
• Os salarios dos deputados están conxelados desde o ano 2009, logo recortáronse entre un 10% e  un 15%; e en breve trasladarase á Mesa unha nova proposta de reducción
 
Santiago, 5 de agosto de 2012.- Os diferentes recortes económicos aplicados no Parlamento de Galicia no que vai de lexislatura sitúan o orzamento da institución nos niveis de 2006. Así, o presuposto desagregado do Parlamento de Galicia para o ano 2012 sitúase en 17.421.406 euros, o que supón unha reducción de 2.135.794 euros respecto ao de 2009 (inicio de lexislatura) e o sitúa nun volume similar ao do ano 2006, no que ascendía a 17.381.162 euros.
 
Este descenso explícase pola política de austeridade económica impulsada na actual lexislatura pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, con recortes en practicamente todas as partidas de gasto, agás as relacionadas coas tecnoloxías da información, dada a obsolescencia que presentaban a maior parte dos equipos.
 
Así, os salarios dos membros do Parlamento de Galicia –que se rexen por un acordo retributivo aprobado na pasada lexislatura- foron conxelados no ano 2009, mentres que en 2010 se reduciron nun 10% para os deputados, nun 12% o dos portavoces parlamentarios e membros da Mesa, en nun 15% o da presidenta da Cámara.  O dos funcionarios baixou nun 5%. En 2011 e 2012 os salarios continuaron conxelados.
 
Recortes salariais
 
Como xa o anunciou publicamente, a presidenta do Parlamento ten intención de trasladar a unha próxima reunión da Mesa da Cámara unha nova proposta de recorte salarial para os deputados, rebaixa que podería ser equivalente ao importe dunha dunha paga extra, aínda que o Parlamento  xa non aboaba tal paga aos seus integrantes.
 
Nesta lexislatura eliminouse tamén o seguro de vida dos deputados.
 
Intensificouse, ademais, o control sobre os consumos eléctrico e telefónico, entre outros, buscando minimizar todos os gastos de funcionamento da Cámara.
 
Supresión de agasallos para axudas a comedores sociais
 
Tamén no que vai de lexislatura, a presidenta da Cámara Impulsou un plan de austeridade que permitiu aforrar 1,7 millóns de euros tan só no primeiro ano da lexislatura. E suprimiu as cestas de nadal, regalos a deputados e cócteles, destinando a cifra aforrada a comedores sociais.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas