O Parlamento de Galicia triplica, no que vai de lexislatura, o volume de documentos tramitados

• Ao peche do primeiro período de sesións deste ano, o número de iniciativas rexistradas e o de expedientes pechados multiplica por tres o da pasada lexislatura
 
• Entre febreiro e xuño deste ano, a Cámara aprobou 8 leis, 31 proposicións non de lei en Pleno e 39 en comisión
• Pilar Rojo valora que a metade das iniciativas de impulso aprobadas neste período de sexións sexan froito de acordos entre os grupos políticos
 

Santiago, 6 de agosto de 2012.- No que vai de lexislatura, a actividade da Cámara autonómica triplica, en número, á do mesmo período da anterior, segundo se desprende da análise do volume de documentos tramitados.
Así, desde o inicio da actual lexislatura (09-04-2009) ata o remate do pasado período de sesións (30-06-2012), ian rexistradas no Parlamento un total de 76.605 iniciativas, das cales estaban xa pechados (é dicir, tramitados), un total de 53.937 expedientes.
 
Para establecer unha comparación homoxénea, nos seis primeiros períodos de sesións da anterior lexislatura (do 18-07-2005 ao 09-09-2008) foron rexistradas 22.100 iniciativas, dos que se pecharan un total de 17.859.
 
Leis aprobadas
A memoria do primeiro período de sesións do Parlamento de Galicia en 2012 (febreiro a xuño), na que se detalla toda a actividade desenvolvida pola Cámara galega durante ese tempo, inclúe a aprobación de oito leis diferentes:
 
• Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.
• Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.
• Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.
• Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo.
• Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas.
• Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.
• Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
• Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
Xa no pleno extraordinario do pasado 2 de agosto, o Parlamento aprobou tamén as leis de modificación da estructura do Valedor do Pobo e maila lei para a reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia.
 
O resumo estadístico da actividade da Cámara no primeiro período de sesións de 2012 inclúe a aprobación de 31 proposicións non de lei en Pleno (11 con modificacións e 20 sen modificacións), 39 proposisións non de lei en Comisión (22 con modificacións e 17 sen modificacións) e 3 mocións (2 con modificaciós e 1 sen modificacións). É dicir, o 47,94% das iniciativas de impulso foron aprobadas con modificacións.
 
Acordos
Para a presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, que preto da metade das iniciativas de impuso sexan froito dos acordos entre os grupos é un elemento destacable. Este feito revela, na súa opinión, que “os grupos parlamentarios transaccionan en moitas máis ocasións das que se cree, respondendo así ao mandato dos cidadáns, que reclaman acordos e entendemento”.
 
Durante o primeiro período ordinario de sesións de 2012, o Parlamento de Galicia tamén foi escenario de 17 comparecencias en Pleno e 14 en Comisión, 32 interpelacións, 92 preguntas orais en Pleno dirixidas aos membros da Xunta, 20 preguntas ao presidente da Xunta, 500 preguntas orais en comisión, ademais de 2.445 preguntas con resposta escrita.
 
Estes datos da memoria do primeiro período de sesións non inclúen a actividade extraordinaria do Parlamento de Galicia durante xullo e agosto.
 

 

Imaxes relacionadas