• Esta convocatoria anual enmárcanse nun convenio marco de colaboración asinado entre o Parlamento e as universidades galegas
 
• A convocatoria pode consultarse na web do Parlamento de Galicia e os aspirantes dispoñen dun prazo de 20 días para presentar as solicitudes
 
Santiago, 3 de outubro de 2012.- O Parlamento de Galicia acaba de abrir o prazo para a presentación de solicitudes para optar a algunha das dez bolsas de  formación práctica en materia de arquivo, biblioteca e documentación, comunicación institucional, publicacións, informática e xestión parlamentaria convocadas pola Cámara autonómica.
 
A convocatoria, que se publica por terceiro ano consecutivo, enmárcase no convenio de colaboración asinado ante a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e os reitores das tres universidades galegas.
 
As bases da convocatoria (publicadas no BOPG número 763, do 25 de setembro de 2012), poden consultarse na web do Parlamento de Galicia (
www.parlamentodegalicia.es), onde tamén se pode descargar o modelo de instancia.
 
 
Prazo de 20 días para presentar as solicitudes
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio e os interesados poden presentar as solicitudes nun prazo de vinte días naturais.
 
As bolsas terán un ano de duración, están dirixidas a titulados no curso académico 2007-2008 ou posteriores e son as seguintes: 
 
• 5 bolsas de formación en arquivo, biblioteca e documentación.
• 1 bolsa de formación en comunicación institucional.
• 1 bolsa de formación en publicacións.
• 2 bolsas de formación en informática.
• 1 bolsa de formación en xestión parlamentaria.