Primeira xornada de portas abertas no Parlamento de Galicia

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, amosou hoxe a súa satisfacción pola organización da primeira xornada de portas abertas que se celebra na Cámara galega e anunciou a súa intencion de repetir a experiencia cada ano durante a actual lexislatura.
<p class='clearfix'></p>
A presidenta da Cámara anuncia a súa intención de repetir a experiencia cada ano durante a actual lexislatura
Pilar Rojo satisfeita por organizar a primeira xornada de portas abertas no Parlamento de Galicia
• Apunta que as institucións como o Parlamento están obrigadas a salvar calquera distancia que poida separar aos cidadáns dos cargos electos

Santiago, 22 de maio de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, amosou hoxe a súa satisfacción pola organización da primeira xornada de portas abertas que se celebra na Cámara galega e anunciou a súa intencion de repetir a experiencia cada ano durante a actual lexislatura.
Rojo Noguera, acompañada por algúns membros da Mesa como o Vicepresidente primeiro e o Secretario, amais por outros deputados, recibiu ás portas do Parlamento os primeiros visitantes que se achegaron á sede do Lexislativo galego a partir das 10,00 horas desta mañá.
Madurez democrática
En declaracions aos medios, a presidenta da Cámara valorou e agradeceu a presencia dos primeiros cidadáns en achegarse á Casona do Hórreo e interpretou a súa resposta á invitacion do Parlamento como unha mostra máis da madurez democrática da sociedade galega.
En opinión de Rojo Noguera, as institucións, e particularmente o Parlamento, están obrigadas non só a traballar para mellorar a calidade de vida dos cidadáns, senón tamén a promover medidas que contribúan a salvar calquera distancia que separe aos votantes dos cargos electos.
Percorrido
Durante a xornada de portas abertas que hoxe celebra o Parlamento de Galicia, entre as 10.00 e as 18,00 horas, os cidadáns poden visitar todas as instalacións da Cámara, desde o Salón de Plenos e a as salas de comisións, ata as bibliotecas, a Sala de Exposicións e o Salón dos Reis, entre outras dependencias.
Ao inicio do percorrido, os cidadáns que se acheguen á Cámara poden visitar unha exposición sobre a composición do Parlamento de Galicia nesta VIII lexislatura. Tamén se proxecta un vídeo explicativo sobre a historia e as funcións do Parlamento de Galicia.
Durante o percorrido sinalizado  para o efecto, os visitantes contan con explicacións do persoal da Cámara e mesmo dos deputados que durante a xornada se desprazaron ao Parlamento para actuar como anfitrións.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas