Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de xuño de 2013

6.4
7436 (09/PNP-000560)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana Belén
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia co fin de impulsar o sistema aeroportuario galego
Publicación da iniciativa, BOPG nº 102, do 15.05.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Mentres non se producir a transferencia, cómpre retomar a coordinación de todas as administracións no seo do Comité de Rutas cara a planificar o mapa de rutas aéreas para os vindeiros anos e acordar:
 A aprobación dun mapa de rutas para o 2013.
 A previsión dun mapa de rutas para o 2014.
 A asunción por parte do Comité de Rutas da proposta que consensúe a súa Comisión Técnica.
 Reclamarlle á Xunta de Galicia o retorno a unha posición de consenso.
 
2. Alén do obxectivo concreto relativo á planificación no vindeiro ano, cómpre comezar a xestionar desde unha perspectiva integrada as terminais aeroportuarias galegas co obxectivo de:
 Garantir as conexións e os grandes sistemas aeroporfuarios europeos que permiten as conexións con todo o mundo.
 Incrementar as conexións internacionais directas, especialmente as transoceánicas, onde a diáspora galega ten unha forte presenza, segundo a situación dos aeroportos galegos.
 Reforzar as rutas con diferentes cidades europeas e coas principais cidades do Estado.
 Potenciar o tráfico de mercadorías, coa especialización dun dos tres aeroportos galegos e a dotación dunha alfándega co fin de captar tráfico internacional.
 Apoiar a instalación de bases e centros permanentes das principais compañías aéreas para asentar unha estrutura estable de operacións de transporte aéreo.
 Deseñar e dotar dunha rede de conexións intermodal entre os tres aeroportos e as cidades galegas: en primeiro lugar, a través de servizos de lanzadeiras por estrada; a medio prazo, tamén por medios do ferrocarril e/ou do metro lixeiro».

6.5
8425 (09/PNP-000641)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel, e doce deputados máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto da fórmula empregada para a presentación dunha moción de censura no concello lucense do Valadouro
Publicación da iniciativa, BOPG nº 115, do 05.06.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia acorda amosar o seu enérxico rexeitamento á fórmula empregada polos concelleiros promotores dunha moción de censura no concello lucense do Valadouro e reprobar os termos do acordo acadado e asinado ante notario, por canto desvirtúan o principio de representatividade democrática dos cargos públicos electos e converte a gobernabilidade municipal deste concello nunha mera transacción económica».
 
6.6
8532 (09/PNP-000647)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Gómez Alonso, Alejandro e seis deputados máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a posta en marcha do Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 119, do 12.06.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Demandar do Ministerio de Fomento a aprobación do decreto de desenvolvemento do Real decreto lei 20/2012, para a posta en marcha do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, así como que no prazo de dous meses elabore unha proposta de xestión dos tres aeroportos que potencie a súa complementariedade e cooperación.
 
2. Colaborar co Ministerio de Fomento para que, mentres non se aprobe o decreto sinalado no punto anterior, manteña as reunións do Grupo constituído o pasado 20 de maio para avanzar na cooperación e coordinación entre os aeroportos.
 
3. Colaborar co Ministerio de Fomento e cos concellos na mellora da conexión das tres terminais galegas entre si e eos principais núcleos de poboación para mellorar a súa accesibilidade.
 
4. Promover que as administracións con competencias na materia (Administración do Estado, autonómica e local), á hora de abordaren calquera acción de promoción turística que incida nos aeroportos, o fagan dentro dun marco de coordinación e cooperación a través dunha planificación global, así como que formulen as súas propostas de promoción á consideración do Comité de Coordinación».
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas