Pilar Rojo asume formalmente este luns a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas

 
• O acto de traspaso celebrarase no Parlamento de Galicia coa asistencia da presidenta saínde da CALRE, o presidente da Xunta e a presidenta da COPREPA

Santiago, 12 de xaneiro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, asumirá formalmente este luns, 13 de xaneiro, a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) para o ano 2014.
 
O acto de traspaso desenvolverase na sede do lexislativo galego e contará coa asistencia da presidenta saínte da CALRE e titular do Parlamento de Bruxelas Capital, Françoise Dupuis, o presidente da Xunta de Galicia, o delegado do Goberno, o alcalde de Santiago, os integrantes da Mesa do Parlamento e portavoces dos grupos parlamentarios, e a presidenta do Parlamento das Illas Baleares na súa condición de actual presidenta da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA), entre outras personalidades.
 
Pilar Rojo resultou elixida presidenta da CALRE por unanimidade na Asemblea anual desta organización celebrada en Bruxelas a finais de outubro pasado. Daquela, Rojo Noguera declarou que asumía esta responsabilidade co reto de acadar unha maior colaboración entre todos os parlamentos rexionais que forman parte da CALRE como foro de debate e de intercambio de experiencias.
 
74 rexións e máis 200 millóns de cidadáns
 
Creada en 1997 e integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas,  consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das Illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oito países diferentes e representan a máis de 200 millóns de cidadáns.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas