Pilar Rojo aposta por reforzar a colaboración entre os parlamentos e as institucións europeas para “aumentar a visibilidade da realidade rexional”

• Asumiu a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) reivindicando unhas  institucións que camiñen “ao ritmo da sociedade”
 
• “Agora, máis que nunca, temos que acadar acordos que favorezan aos nosos representados, xa que o Parlamento é o marco axeitado para fraguar eses consensos”
 
Santiago, 13 de xaneiro de 2014.-  A titular do Lexislativo galego, Pilar Rojo, asumiu hoxe formalmente a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) apostando por reforzar a colaboración entre os integrantes desta organización e as diferentes institucións europeas co obxectivo último de “aumentar a visibilidade da realidade rexional europea, mostrando as súas fortalezas para o servizo público e para a participación cidadá”.
 
Outra das prioridades de Rojo Noguera para a Presidencia da CALRE pasa por incrementar a colaboración co Comité das Rexións e coas asociacións que representan ás entidades locais e rexionais, ademais de reforzar a observancia do principio de subsidiariedade “como garantía para execución eficiente dos proxectos iniciados pola institución europea”.
“Queremos exercer unha Presidencia aberta, na que todos os integrantes da CALRE participen”, afirmou.
 
Rojo Noguera asumiu a Presidencia da CALRE para o ano 2014 nun acto ao que asistiu a presidenta saínte desta Conferencia, a titular do Parlamento de Bruxelas Capital, Françoise Dupuis; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta do Parlamento das Illas Baleares e actual presidenta da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA), Margalida Durán; os integrantes da Mesa do Parlamento de Galicia e portavoces parlamentarios, diferentes deputados, o alcalde de Santiago, o delegado do Goberno en Galicia e o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, entre outras autoridades.
 
Na súa intervención, Pilar Rojo recoñeceu a necesidade de introducir cambios nas institucións para “camiñar ao ritmo da sociedade”.
 
O Parlamento, o marco axeitado para o consenso
“Agora, máis que nunca temos que representar aos cidadáns, temos que acadar novos acordos que favorezan  aos nosos representados, xa que o Parlamento é o marco axeitado para fraguar eses consensos entre as distintas formacións, con independencia das lexítimas diferenzas ideolóxicas que podan significarnos”, apuntou Pilar Rojo.
Nesta liña, a presidenta do Parlamento galego apostou por fomentar o uso das tecnoloxías da información e a comunicación para que os cidadáns podan coñecer con maior detalle o traballo realizado nas Cámaras lexislativas e, dese xeito, “recuperar a confianza perdida nos seus representantes”.
 
A celebración neste ano 2014, das Eleccións ao Parlamento Europea, tamén debería ser aproveitada, en opinión de Rojo Noguera, para divulgar o papel das diferentes institucións e a súa importancia. “A sociedade ten que sensibilizarse coas decisións que se toman en Europa; para que o que significa nas nosas vidas se coñeza e polo tanto se valore moito máis a necesidade de participar nas súas decisións”, aseverou.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas