Dúas novas deputadas e un deputado toman posesión no Parlamento de Galicia

Santiago, 13 de decembro de 2016.- Dúas deputadas e un deputado do Grupo Parlamentario Popular tomaron posesión esta mañá, ao comezo do Pleno da Cámara. Trátase da deputada por Pontevedra   Marián García Míguez (que substitúe a María Nava Castro Domínguez), da deputada por Lugo Julia Rodríguez Barreira (en substitución de Susana López Abella), e do deputado por Ourense Carlos Gómez Salgado (que cubre a baixa de Antonio Rodríguez Miranda).
 
Marián García Míguez
 
Nada en Vigo en 1972, é licenciada en Psicoloxía Clínica. Xestora e directora de proxectos sociais para diferentes asociacións e entidades. Presidenta da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, foi concelleira no Concello de Vigo entre 2011 e 2015.

Desde marzo de 2016 forma parte do comité executivo do PP de Pontevedra, no que é coordinadora de Políticas Sociais e Igualdade. Accede ao Parlamento de Galicia en decembro de 2016 en substitución de María Nava Castro Domínguez, elixida directora xeral de Turismo da Xunta.

Julia Rodríguez Barreira
 
Naceu en Monforte de Lemos en 1966. É Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña. Mediadora de seguros titulada e xestora administrativa. Avogada.

Concelleira e voceira do Grupo Municipal do PP en Monforte de Lemos desde o ano 2011. Foi senadora por Lugo na X Lexislatura desde o 2011 ata que renunciou para ser deputada no Parlamento de Galicia en substitución de Raquel Arias, nomeada delegada da Xunta en Lugo. Na IX Lexislatura foi voceira de Igualdade do Grupo Popular. Accede ao Parlamento na X Lexislatura en decembro do 2016 en substitución de Susana López Abella, elixida secretaria xeral de Igualdade da Xunta.

Carlos Gómez Salgado
 
Nado en Xinzo de Limia en 1960, é técnico especialista en próteses dentais e diplomado en Hixiene Dental. Responsable do departamento de prótese dental no centro de especialidades de Xinzo de Limia
 
De 2012 a 2015 foi concelleiro de Cultura no Concello de Xinzo de Limia. Desde 2015 é concelleiro de Economía e Facenda, Turismo, Comercio e Promoción Económica en Xinzo de Limia. Membro do Comité de Dirección do PP de Ourense e do PP de Galicia. Accede ao Parlamento de Galicia en decembro de 2016 en substitución de Antonio Rodríguez Miranda, nomeado secretario xeral de Emigración da Xunta.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas