Diego Calvo pon en valor o “espazo de liberdade que Europa significa e garante”

 
• O vicepresidente do Parlamento clausura a xornada Europea celebrada hoxe no Pazo do Hórreo
 
Santiago, 5 de maio de 2017.-  “Os que tivemos ocasión de xestionar recursos públicos nas institucións sabemos perfectamente o moito que significaron e significan para Galicia as axudas europeas. Foron e son determinantes, pero non o é menos o espazo de liberdade que Europa significa e garante”. Foi unha das reflexións do vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, na intervención coa que clausurou a Xornada  sobre “A incidencia da adhesión á Unión Europa”, celebrada esta mañá no Pazo do Hórreo no marco do 35 aniversario do Lexislativo galego e a escasas datas da conmemoración do Día de Europa.
 
Calvo Pouso explicou que actividades como a desenvolvida esta mañá se enmarcan na “estratexia de apertura” do Parlamento de Galicia, unha aposta que “nuns casos traerá a cidadanía a esta sede, mentres que noutros será a institución a que se faga presente na rúa”.
 
Recordou o vicepresidente da Cámara que a incorporación de España á Comunidade Europea se produciu unha vez superada a ditadura e logo de implantar a democracia.
 
Calvo Pouso recordou ao “sabio europeísta” Salvador de Madariaga, que escribiu que “onde non hai liberdade non hai Europa. E esta liberdade non debe entenderse só no seu sentido individual e persoal; senón que tamén atañe ás institucións, e sobre todo ás culturas”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas