Santalices invoca os valores da transición e anima a recuperar desde o Parlamento o “espírito e a paixón pola democracia que rebulía nas rúas hai 40 anos”

• O presidente do Parlamento de Galicia pronunciou unha conferencia convidado por Nueva Economía Fórum, onde foi presentado polo titular da Xunta
 
• Insta a deputadas e deputados a recuperar a confianza social, saír á rúa e intensificar o contacto “fluído e permanente con todos os colectivos e sectores sociais, porque o Parlamento a todos representa e todos deben sentirse representados na institución”
 
• “Unha democracia avanzada e un Estado de dereito como España ou como calquera outro país do noso entorno non pode nin debe frouxear no acatamento ás normas establecidas”
 
• Opina que o Parlamento de Galicia “goza de boa saúde”, convertido na Cámara autonómica máis activa e eficiente de España, e considera “a inmensa maioría de galegas e galegos aprecian o noso autogoberno”
 
• Reitera a súa aposta por achegar o Parlamento á cidadanía e anuncia “portas abertas” un día á semana, como complemento ao programa de visitas guiadas á institución
 
• A oferta de emprego público do Parlamento aposta pola promoción interna e inclúe unha praza específica reservada a persoas con discapacidade para contribuír a visibilizar a realidade deste colectivo
 
• Hoxe entra en servizo unha actualización da web institucional do Parlamento, “máis accesible e intuitiva, con mais facilidades para a participación cidadá”, que seguirá mellorándose

Santiago, 15 de xaneiro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá en Santiago, no foro organizado por Nueva Economía Fórum, onde pronunciou a conferencia titulada “O Parlamento de Galicia, unha historia de éxito catro décadas despois das primeiras Eleccións democráticas (1977)”, onde foi presentado polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Comezou a súa intervención recordando o exercicio de “diálogo, xenerosidade e concordia, e as múltiples cesións que uns e outros fixeron, desde os máis aloxados posicionamentos ideolóxicos, para implantar e asentar (en España) unha democracia  perfectamente  equiparable coa dos países máis avanzados”. “E coa democracia –afirmou- decontado botou a andar a mellor experiencia de liberdade, estabilidade, prosperidade e progreso da historia de España”.
 
Esta “transición modélica” é o resultado, segundo Santalices, de factores como a “grandeza de todas as persoas que padeceron en carne propia a devastación da Guerra Civil ou a represión do franquismo. Uns e outros foron quen de pasar páxina na procura dun futuro de liberdade para todos”. Recordou tamén o  “sacrificio” dos españois que soportaron as estreiteces daquel momento, a implicación das forzas políticas e sociais e  o “liderado” do rei Juan Carlos I, do mesmo xeito que “hoxe exerce esas funcións constitucionais con afouteza e acerto o rei Felipe VI”.
 
Autogoberno valorado polos galegos
 
Neste contexto, transcorridas catro décadas desde a celebración das primeiras eleccións democráticas celebradas en España despois da ditadura, o presidente do Lexislativo autonómico apuntou que “a inmensa maioría das galegas e galegos aprecian e valoran o noso autogoberno, porque mellorou a súa calidade de vida e achega as solucións máis acaídas en cada momento”. Ao seu xuízo, “o feito de que o autogoberno fose exercido con `sentidiño´ , fuxindo de conflitos innecesarios, incrementou a aceptación desta fórmula consagrada pola Constitución e o Estatuto”.
 
Trinta e seis anos despois da súa constitución, o Parlamento de Galicia “goza de boa saúde”, leva aprobadas máis de 400 leis  e “tense convertido na Cámara autonómica máis activa de España, e tamén na máis eficiente”. Sinalou, como exemplo, que o custe por deputado do Parlamento Vasco duplica o de Galicia. Apuntou que, con datos de 2017, hai unha decena de Comunidades nas que o custe por deputado é superior ao de Galicia, incluídas todas as históricas.
 
Agregou que a Cámara galega é a que máis facilidades outorga para a participación cidadá e mesmo conta cunha figura única, as proposicións non de lei de iniciativa cidadá, da que carecen os restantes parlamentos.
 
Discapacidade na oferta de emprego
 
Tendo en conta que a sensibilización e a visibilización da realidade das persoas con discapacidade resulta fundamental para superar prexuízos sociais e gañar integración, Santalices Vieira anunciou que a oferta de emprego público do Parlamento para este ano reserva unha praza específica para persoas con discapacidade, reserva que tamén se contemplará na próxima convocatoria de bolsas de formación. A oferta de emprego aposta, ademais, pola promoción interna.
 
“O Parlamento constitúe unha caixa de resonancia susceptible de xerar un efecto multiplicador na sociedade”, afirmou Santalices, referíndose á necesidade de que a institución amose unha especial sensibilidade respecto ás entidades e colectivos que traballan no ámbito social, a promoción dos hábitos de vida saudable ou o universo creativo galego, sexa literario, plástico ou de outro tipo.
 
“A permanente actualización, na procura dunha maior eficacia e eficiencia, é un reto diario fronte ao que no é admisible baixar a garda, sexa no Parlamento, na Administración, na empresa privada ou na vida cotiá de cada un de nós”, apuntou o titular da Cámara.
 
Recordou, nesta liña, que o pasado verán se puxo en marcha unha versión avanzada da aplicación audiovisual do Parlamento e que hoxe entra en servizo unha actualización da web institucional, “máis accesible e intuitiva e, sobre todo, con maiores facilidades para a participación cidadá”, que seguirá  mellorándose periodicamente.
 
Xunto a retos como a dixitalización, a transparencia e a participación, Santalices referiuse á necesidade de mellorar a calidade do traballo parlamentario. “O importante é aprobar boas leis, que resulten útiles para a cidadanía, reforcen a seguridade xurídica, respondan a necesidades reais e faciliten a vida cotiá das persoas, en lugar de crear problemas ou dificultades innecesarias”, dixo.
 
Para acadar ese obxectivo, o presidente do Parlamento recomendou que deputadas e deputados manteñan un “contacto fluído coa cidadanía e cos distintos actores sociais da Comunidade”. Puntualizou que “somos deputadas e  deputados as vinte e catro horas do día, os sete días da semana” e lembrou que a súa experiencia lle indica que “as mellores emendas, as iniciativas máis orixinais, xorden do contacto coa xente, non do traballo burocrático, tamén necesario, nunca exclusivo”.
 
Na súa aposta por superar a distancia que ás veces separa as institucións das persoas, o conferenciante amosouse partidario de reforzar as iniciativas encamiñadas a dar a coñecer o Parlamento. Citou, como exemplo, as visitas de escolares –que se potenciarán a través dun convenio recentemente asinado coa Consellaría de Educación e que permitirá organizar e financiar a realización de visitas guiadas ás sedes do Lexislativo e o Executivo nunha mesma xornada-, os plenos para a infancia e a mocidade, ou o programa de charlas divulgativas para alumnado de ESO e Bacharelato, que neste curso se amplían tamén ás universidades.
 
Portas abertas semanais
 
Para complementar o actual programa de visitas guiadas ao Parlamento, aberto a todas as persoas que o soliciten con antelación, o presidente da Cámara anunciou a próxima posta en marcha dunha iniciativa de “portas abertas” un día á semana, no que calquera persoa que o desexe poderá visitar o pazo do Hórreo sen anotarse previamente e en quendas diarias fixas.
 
Contacto fluído con todos os sectores
 
Miguel Ángel Santalices afirmou que que “debemos ir a onde se nos convida. Pero digo máis. Hai que tomar a iniciativa e xestionar tamén encontros que leven o Parlamento á rúa e nos faciliten unha visión máis ampla de realidade”. “Ese contacto –apuntou- debe ser fluído e permanente con todos os colectivos e sectores sociais, porque o Parlamento a todos representa e todos deben sentirse representados na institución”.
 
Entre outras medidas a curto e medio prazo, anunciou a edición dun volume recompilatorio dos perfís biográficos de todos os deputados deputadas do Parlamento de Galicia desde a súa primeira lexislatura, a emisión dunha serie de programas divulgativos na TVG e un volume  sobre anécdotas parlamentarias.
 
No ámbito das estruturas físicas, adiantou que se atopa en preparación o Plan director do edificio que alberga o Parlamento para adaptalo a novos requirimentos como a mellora da accesibilidade.
 
Nesa estratexia de apertura do Parlamento, o presidente da institución recordou tamén diferentes exemplos de actividades de carácter académico e divulgativo, celebradas dentro e fóra do Pazo do Hórreo en datas recentes, “unha programación cultural propia, plural e aberta, como o país ao que representamos”.
 
Recuperar a paixón pola democracia
 
“Aspiramos e precisamos que o Parlamento recupere o crédito social para recuperar tamén o espírito e a paixón pola democracia que rebulía nas rúas hai agora corenta anos, cando, logo da longa noite de pedra, tivemos ocasión de exercer de novo a máis importante liturxia de calquera sociedade libre: a posibilidade de expresarse nas urnas e con absoluta liberdade para definir o noso futuro”.

Acatamento ás normas establecidas
 
O presidente do Parlamento de Galicia considerou que “unha democracia avanzada e un Estado de dereito como o é España ou calquera outro país do noso entorno, non pode nin debe frouxear no acatamento ás normas establecidas” na medida en que “iso leva ao abismo e provoca unha quebra social”.
 
Santalices advertiu que a aritmética parlamentaria “non pode substituír a democracia nin o Estado de dereito. A suma de escanos, lexítima para conformar maiorías parlamentarias, non pode nin debe confundirse con maioría sociais ficticias na procura de obxectivos ilícitos”.
 

Imaxes relacionadas