A COPREPA reivindica o modelo constitucional e unha democracia representativa máis participativa e respectuosa co Estado de Dereito, logo de aceptar as emendas de Galicia

• Os diferentes parlamentos autonómicos acordan potenciar as iniciativas de participación dirixidas á infancia e a mocidade, na liña das medidas xa implantadas polo Parlamento de Galicia
 
• Os parlamentos autonómicos acordan traballar conxuntamente en materia de transparencia e tamén para reclamar un maior protagonismo das rexións no futuro de Europa
 
Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- A declaración institucional feita pública esta mañá en Tenerife, ao remate da Asemblea Anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) avoga  por afontar “con serenidade e determinación unnha reflexión sobre o noso marco territorial, recollido no actual modelo constitucional; así como dar resposta a un novo sistema de financiamento autonómico” que atenda as necesidades de todas as cidadáns e cidadás. Aposta tamén por “avanzar no desenvolvemento dunha democracia representativa máis participativa e respectuosa co Estado de Dereito”.
 
Esta foi a base das emendas formulada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices que, na liña de intervencións anteriores, fixo fincapé na necesidade de recuperar o espírito da transición, sustentado sobre valores como o consenso, o diálogo, a xenerosidade e a concordia.
 
Á marxe da declaración institucional, os once presidentes e presidentas de parlamentos autonómicos que participaron no Plenario de COPREPA acordaron intensificar as iniciativas encamiñadas a achegar a institución parlamentaria e os valores democráticos á xuventude e, neste sentido, avanzaron a intención de coordinar a organización dun certame de debate escolar nas diferentes Cámaras que celebrará a súa fase final no Senado.
 
O presidente do Parlamento de Galicia explicou aos seus homólogos   as diferentes medidas que a Cámara galega está a desenvolver con éxito  no ámbito da infancia e a xuventude, como acredita a crecente demanda de actividades deste tipo por parte dos destinatarios das mesmas.
 
Transparencia
 
Acordouse, ademais, intensificar a colaboración entre os lexislativos autonómicos para avanzar e coordinar medidas no ámbito da transparencia.
 
A reunión de hoxe serviu tamén para traspasar formalmente a Presidencia da COPREPA á presidenta do Parlamento de Canarias, Carolina Darias, que anunciou a intención de elaborar, coa participación de todas as presidentes e presidentes, un documento dirixido a reclamar un maior protagonismo das rexións no futuro de Europa. Esta demanda será reforzada a través da participación dos diferentes parlamentos na Conferencia de Asembleas Rexionais Europeas (CALRE).

Imaxes relacionadas