Parlamento e Xunta reciben a primeira visita escolar do programa “Coñece as túas institucións” para impulsar os valores democráticos

 
• O presidente do Parlamento recibiu esta mañá a un grupo de 30 escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Feliciano Barrera, de Ponteareas
 
• O programa “Coñece as tuas institucións”, está impulsado polo Parlamento e pola Xunta para divulgar o papel das institucións autonómicas e explicar a separación de poderes a estudantado de centros públicos
 
• Os centros poden solicitar a súa participación nesta iniciativa a través da web, mentres que as institucións asumen os gastos de desprazamento
 
• Xa se teñen recibido arredor de 80 solicitudes de centros interesados en participar no programa “Coñece as túas institucions”

Santiago, 13 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia e a Xunta recibieron hoxe a primeira visita escolar organizada no marco do programa “Coñece as túas institucións”, impulsado polo Lexislativo e o Executivo galegos para divulgar o papel das institucións autonómicas, explicar a separación de poderes e impulsar os valores democráticos.
 
Un grupo de 30 escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Feliciano Barrera, de Ponteareas, foron os primeiros en acollerse a esta iniciativa. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado por integrantes da Mesa e deputados e deputadas da Cámara, recibiu esta mañá aos participantes nesta visita escolar.
 
Durante o encontro, Santalices explicou os obxectivos deste programa de divulgación ao alumnado participante, que comezou a visita asistindo á proxección dun vídeo divulgativo sobre o Parlamento de Galicia e continuou a xornada cunha visita guiada ás diferentes dependencias que integran a sede do poder lexislativo galego.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinaron, a finais de 2017, o convenio de colaboración que fai posible a posta en marcha do programa “Coñece as túas institucións”. Ao abeiro desta iniciativa, alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO matriculado en centros públicos de Galicia, poderá efectuar visitas conxuntas ás sedes do Parlamento de Galicia e da Xunta, en Santiago. Os custes do desprazamento son asumidos polas institucións promotoras.
 
Xa a media mañá, no marco deste mesmo programa, visitou o Parlamento alumnado de 5º e 6ª de Primaria do CEIP de Cerdeiriñas, de Piloño, en Vila de Cruces.
 
Solicitude a través da web
 
Os centros educativos interesados en participar nesta iniciativa deben solicitalo a través do apartado específico da web do Parlamento de Galicia (https://goo.gl/ySiAv2).
 
Antes de participar na visita guiada ao Parlamento e á Xunta, o alumnado deberá ter participado nun programa didáctico na aula, a partir os materiais educativos facilitados polas institucións. Neste sentido, o Parlamento ofrece, na súa páxina web, unha Guía para o Profesorado a un Caderno de traballo para o alumnado, con contidos  e propostas didácticas diversas, acordes cos diferentes niveis educativos.
 
Esta iniciativa enmárcase na aposta do presidente do
Parlamento por incrementar a apertura da institución desde unha dobre estratexia: impulsar as visitas á sede da Cámara galega e multiplicar a presencia social do Parlamento para dalo a coñecer.
 
Santalices Vieira destacou a importancia da iniciativa que hoxe comeza para dar a coñecer o papel do Parlamento e da Xunta entre as persoas máis novas. “Todo emana dunha decisión do pobo, aquí radica a sede da democracia e creo que é uha idade moi boa para que fixen determinados conceptos. E ademais, desde o punto de vista estratéxico, son os mellores comunicadores para que na familia se fale da importancia destas institucións”, afirmou.

Máis de 80 solicitudes
 
O presidente do Parlamento adiantou que xa se teñen recibido arredor de 80 solicitudes de centros interesados en participar no programa “Coñece as túas institucions”. Esta iniciativa será seguida, como anunciou Santalices, da posta en marcha dunha nova proposta de portas abertas do Parlamento, un día á semana, no que calquera persoa que o desexe poderá visitar o pazo do Hórreo sen anotarse previamente e en diferentes quendas diarias. O proxecto xurde para complementar o actual programa de visita guiadas e porase en marcha, probablemente, entre os vindeiros meses de abril e maio.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas