Logo do parlamento en forma de abanico Parlamento de Galicia

Santalices: “A sociedade reclama, e con razón, transparencia, apertura e rendición de contas” ás institucións


• O Parlamento acolleu este mediodía a presentación dun libro que glosa a historia do Consello de Contas de Galicia no seu primeiro cuarto de século de vida

Santiago, 16 de abril de 2018.- “A sociedade reclama, e con razón, transparencia, apertura e rendición de contas por parte das institucións públicas e os responsables da súa xestión”. A reflexión foi efectuada este mediodía polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, na presentación do libro 25 aniversario do Consello de Contas de Galicia, presentado no Pazo do Hórreo.
 
O titular do Lexislativo galego considerou que os autores do vixente Estatuto Galego “foron auténticos visionarios, adiantados ao seu tempo que tiveron clara a necesidade de dotar á Comunidade Autónoma dun órgano de control externo”, o actual Consello de Contas.
 
Autonomía e competencias reforzadas
 
Transcorrido máis de un cuarto de século desde a súa posta en marcha, e logo da última reforma normativa, o Consello de Contas “foi reforzado nas súas competencias e tamén –feito non menos importante- na súa autonomía”, autonomía que sempre formou parte dos “alicerces” do Consello, como acreditan, en opinión de Santalices, os sucesivos informes emitidos por este órgano fiscalizador.
 
A xuízo do presidente do Parlamento, o reforzamento da autonomía e da independencia do Consello de Contas serviu tamén pada emitir unha “mensaxe de confianza” á sociedade, no sentido de que “os recursos públicos, recursos de todos, non só deben ser xestionados con eficacia e con eficiencia, senón que están sometidos a unha fiscalización rigorosa, blindada fronte a calquera hipotética interferencia”.
 
Lembrou Santalices que o reforzamento das competencias do Consello de Contas en materia de prevención da corrupción se efectuou tendo en conta a “experiencia e bo facer do persoal da institución, sen incorrer en incrementos orzamentarios dificilmente asumibles”.
 
O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López, e pola  coordinadora do libro e conselleira do Consello de Contas, María Begoña Villaverde Gómez.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 
 
 
 
 

 

Imaxes relacionadas