O Parlamento de Galicia duplica en dous anos o número de visitas á súa sede

 
• Pasou de 5.268 visitantes no primeiro semestre de 2016 a 10.258 no mesmo período deste ano
 
• O crecemento do número de visitas responde á estratexia da Cámara para dar a coñecer o seu funcionamento
 
Santiago, 6 de xullo de 2018.- O número de persoas que visitan o Parlamento de Galicia no marco do programa de visitas guiadas e outras iniciativas similares para dar a coñecer a institución entre a cidadanía duplicouse nos últimos dous anos, ao pasar das 5.268 visitas que recibiu no primeiro semestre de 2016 a un total de 10.258 no mesmo período de 2018.
Este incremento enmárcase na aposta do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, por abrir o Parlamento á sociedade, potenciando o programa de visitas guiadas, pero tamén impulsando novas iniciativas, como  as portas abertas semanais, que permiten que calquera persoa que o desexe poda coñecer o Pazo do Hórreo todos os luns sen necesidade de inscrición previa.
 
Ademais, a mediados de marzo deste ano púxose en marcha o programa “Coñece as túas institucións”, impulsado polo Parlamento e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para divulgar o papel das institucións autonómicas, explicar a separación de poderes e impulsar os valores democráticos. Está dirixido a escolares de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos da Comunidade Autónoma. Os custes do desprazamento son asumidos polas institucións promotoras.
 
Nos tres primeiros meses de funcionamento deste programa un total de 3.000 alumnos e alumnas, matriculados en 88 centros públicos da Comunidade Autónoma visitaron o Parlamento de Galicia e a Xunta. O programa “Coñece as túas institucións” volverá ofertarse no vindeiro curso escolar.
 
A web do Parlamento de Galicia ofrece información sobre os diferentes programas de visita ao Pazo do Hórreo. No seguinte enlace:  http://www.parlamento.gal/VesOParlamento/
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas