Acordos da Comisión Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, celebrada o día 06-02-2019

A  Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 6 de febreiro de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 11060 (10/PNC-001153)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Villoslada, Juan Manuel e 3 máis
Sobre a redacción e aprobación polo Goberno galego dun plan xeral de infraestruturas e equipamentos deportivos de Galicia
BOPG n.º 140, do 05.07.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
" O Parlamento de Galicia, insta ao Goberno galego a axilizar os trámites para que o censo de infraestruturas e equipamentos deportivos de Galicia sexa pronto unha realidade, avanzando despois, en coordinación coas Deputacións Provinciais e os Concellos de Galicia, na redacción dun Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos para Galicia, do que se deberá informar oportunamente ao Parlamento de Galicia."
 
- 18007 (10/PNC-001476)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa institución a masonería e o sufrimento daquelas persoas que padecen persecución, sancións, condenas penais, exilio ou son executadas pola súa defensa e a dos seus ideais
BOPG n.º 188, do 06.10.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento acorda recoñecer e declarar a honorabilidade da institución da Masonería e apoiar o dereito dos seus membros a defender os seus ideais no marco dun ordenamento democrático que, como o español, ampare o exercicio dos dereitos de liberdade de conciencia e pensamento, un obxectivo que debería extenderse a todos os países do mundo"
 
- 40568 (10/PNC-003279)
Grupo Parlamentario de En Marea
Santos Queiruga, Carmen e 13 máis
Sobre a iniciación por parte do Goberno galego dos procedementos e xestións necesarias para a declaración da toponimia galega como Patrimonio da Humanidade, de acordo coa Real Academia Galega, e o impulso dun plan concreto co fin de evitar a perda dos símbolos da identidade cultural de Galicia, así como a asunción dun compromiso real cos proxectos e iniciativas que están a traballar nese eido
BOPG n.º 390, do 28.11.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
" O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Dar un novo impulso ao desenvolvemento de plans e programas para a recuperación, defensa e salvagarda da toponimia galega, promovendo con recursos económicos, persoais e materiais iniciativas encamiñadas a esta finalidade.
 
2.- Valorar a candidatura da toponimia galega a Patrimonio Cultural da Humanidade da UNESCO, estudando se sería posible e realista acadar esta declaración"

Imaxes relacionadas