Santalices insiste en que “Galicia ten unha débeda impagable coa emigración” pola súa dimensión económica, social e cultural

 
• O Parlamento de Galicia entregou hoxe a súa Medalla á emigración galega no seu conxunto, representada pola Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
 
• “A emigración galega enfróntase agora ao reto de  preservar o seu legado material e manter viva a súa memoria”
 
• O presidente do Parlamento apunta que estas Medallas deben reafirmar “a obriga e o compromiso de seguir creando as condicións para que emigrar sexa só, agora ou no futuro, unha opción voluntaria, nunha unha obriga”
 
• Anima a seguir alentando o retorno dos descendentes dos emigrantes galegos, “cos que compartimos valores, cultura, idioma e sentimentos, garantes dunha integración efectiva”

Santiago, 6 de abril de 2019.- As medallas do Parlamento de Galicia, que este ano recoñecen ao conxunto da emigración galega, foron entregadas este mediodía ás 14 entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes da emigración galega de todos os tempos.
 
O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que “seguramente por vez primeira, Galicia enteira, a representada neste Parlamento, distingue e galardoa  a emigración galega, a gran epopea do pobo galego”.
 
Recordou Santalices o intenso sentimento de desarraigo propiciado pola emigración, ao igual que a “permanente ansia de retorno” que só puido materializar unha minoría.

Fenómeno transversal
 
“A emigración galega –afirmou Santalices- é un movemento de dimensións inconmensurables, protagonizada por non menos de dous millóns de paisanos nosos e só superada en magnitude pola irlandesa”, un fenómeno transversal que afectou a todas as clases sociais, aínda que a súa incidencia foi “inversamente proporcional ao nivel de renda”.
 
No discurso que deu paso á entrega das medallas, o presidente do Parlamento insistiu en que “Galicia ten unha débeda impagable coa emigración, con variables no ámbito económico, no social, no cultural e en tantos outros como alcanzar poda a nosa imaxinación”.
 
Da dimensión económica da emigración, Santalices citou o envío de remesas que permitiron redimir foros, mercar terras e inmobles, construír ou arranxar casas e explotacións, implantar negocios ou mesmo axudar a mecanizar o campo.
 
Recordou que a emigración constatou a importancia da educación e a formación como vía de progreso. Neste sentido, e emigración impulsou iniciativas filantrópicas alén e aquén do mar, en forma de entidades asociativas, centros asistenciais e de formación, como os centos de “escolas de  indianos” espalladas por todo o territorio de Galicia. Grazas ás remesas da emigración, moitas mozas e mozos galegos puideron cursar os seus estudos.
 
No ámbito cultural, o titular do Lexislativo autonómico apuntou que foron numerosos os persoeiros da cultura galega que pasaron boa parte das súas vidas fóra da Galicia territorial, onde deron forma a obras senlleiras da literatura ou da arte galega. “Somos debedores –agregou- do impulso o patrocinio que a emigración a prestou a iniciativas como a Real Academia Galega, o Himno Galego ou a edición de infinidade de libros, por citar só tres do que podería ser un infinito ronsel de exemplos”.
 
Constatou tamén o orador que a emigración “acolleu cos brazos abertos os nosos exiliados”  e acubillou o nacemento do Consello de Galiza.
 
O reto de preservar o legado
 
A xuízo de Santalices Vieira, “a emigración galega enfróntase agora a un reto nunca antes coñecido: o de preservar o seu legado material, mais tamén o de conservar e manter viva a súa memoria, inmaterial pero igual de valiosa”. “Sirva esta Medalla –insistiu- para apoiar e alentar os protagonistas desa tarefa titánica”.
 
O presidente do Parlamento considerou que esta homenaxe á emigración galega propicia “a obriga e o compromiso de traballar sen desmaio e seguir creando as condicións acaídas para que emigrar sexa só, agora ou no futuro, unha opción voluntaria, e nunca unha obriga case ineludible”.
 
Inmigración
 
No seu discurso, Santalices referiuse tamén á inmigración, “que trae zume novo a unha Europa avellentada; inmigración necesaria, pero inmigración ordenada, respectuosa coa lei e sempre integrada nas sociedades de acollida”. Nesta liña, animou a “seguir alentando o retorno dos descendentes dos nosos emigrantes, retornados cos que compartimos valores, cultura, idioma e sentimentos, sempre garantes dunha integración efectiva”.
 
O acto deu comezo coa lectura, a cargo da secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias, do acordo de concesión da Medalla á emigración galega. Os representantes das 14 entidades que recolleron a distinción asinaron previamente no Libro de Ouro do Parlamento. O acto rematou coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a interpretación do Himno Galego.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas