Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 12 de xuño de 2019

5.2 39974 (10/PNP-002986)
Grupo Parlamentario de En Marea
Casal Vidal, Francisco
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e a demanda que debe realizar ao Ministerio de Industria e Turismo en relación coa situación na que se atopa a empresa Isowat Made, do grupo Invertaresa
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 383, do 14.11.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Seguir coas actuacións que leva a cabo desde o comezo da situación complexa que atravesa Isowat Made na cidade da Coruña encamiñadas á busca de solucións viables que faciliten o mantemento dos postos de traballo asociados e dean continuidade ás achegas tecnolóxicas que fai a empresa.
 
2. Instar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para que colabore nas iniciativas necesarias para dar solución á situación da empresa.
 
3. Desenvolver as actuacións necesarias para atopar un investidor ou posible comprador e para facilitar un acordo rápido e razoable co principal acreedor no concurso da mesma que posibiliten un novo futuro á compañía, tendo en conta as posibles garantías financeiras ou outras iniciativas financeiras entre as que dispón o Igape.”
 
 
5.3 43898 (10/PNP-003267)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 7 máis
Sobre o impulso ao Goberno central para que continúe as xestións e impulse os cambios normativos que sexan precisos destinados a mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 417, do 23.01.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno de Galicia a:
- Dirixirse ao Goberno central para que continúe as xestións e impulse os cambios normativos que sexan precisos para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar e, tras un proceso de diálogo co sector, se estuden, entre outras, a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización, aproveitando que o Ministerio de Traballo está traballando nun novo sistema de cotización para os traballadores autónomos.
 
- Demandar ao Goberno do Estado para que o ISM, no prazo máximo dun mes, remita un informe a todas as confrarías de Galicia e a este Parlamento, no que clarifique  cales son as diferentes situacións de protección social real das xentes do mar: redeiras, mariscadoras, baixura, altura,… e as contías de cotización de cada grupo”..”
 
5.4 47514 (10/PNP-003593)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 12 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Ministerio de Xustiza da inclusión, na proposta de creación de novos xulgados para Galicia en 2019, dun xulgado do social para a cidade de Lugo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 446, do 21.03.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Ministerio de Xustiza que, de xeito inmediato, rectifique a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 incluíndo a creación dun Xulgado do Social para a cidade de Lugo”.
 
5.5 49281 (10/PNP-003732)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central da intervención pública en Alcoa de xeito transitorio co fin de garantir o mantemento do seu emprego e da súa actividade industrial
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 470, do 30.04.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego acorda instar á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central medidas urxentes respecto do marco estratéxico co fin de incentivar a compra de Alcoa e paliar a crise da industria: a) aprobación inmediata do estatuto de electrointensivas tendo en conta as achegas do sector galego; b) a corrección das condicións da poxa de interrompibilidade prevista para o mes de xullo; c) e a planificación da substitución do sistema de poxa de interrompibilidade por unha regulación estable que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego e da actividade industrial tendo en conta tamén o papel produtor de Galicia”.
 
5.8 49983 (10/PNP-003784)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
Sobre as actuacións que se deben levar a cabo para recuperar o pazo de Meirás para o patrimonio público e a posición do Parlamento de Galicia respecto do seu uso
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 479, do 22.05.2019

 
O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia, diante da falta de resposta do Goberno central con respecto ao acordo unánime (do Parlamento galego) do 12 de xullo de 2018, acorda como resolución reiterar a demanda ao Goberno central para que inicie de maneira urxente as accións legais pertinentes para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público. Asemade, amosa o rexeitamento polo uso deste BIC para facer apoloxía da ditadura franquista e do ditador, e demanda que se leven a cano as accións precisas para deixar sen efecto os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e Ducado de Franco. O Parlamento insta á Xunta de Galicia a dar traslado deste acordo ao Goberno do Estado”.
 

Imaxes relacionadas