O Concurso Escolar do Parlamento rexistra unha cifra récord de participación, con 888 traballos recibidos, pertecentes a 52 centros

• A presidenta do Parlamento amosa a súa satisfacción por esta elevada participación que demostra que sí é posible suscitar o interese dos máis novos polas institucións
 
• Rojo Noguera aposta por institucionalizar a iniciativa cunha periodicidade anual
 
Santiago, 10 de maio de 2011.- O Concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia para suscitar o interese dos máis novos polo funcionamento do lexislativo galego rexistra unha cifra récord de participación. Pechado o prazo de admisión de traballos, están rexistrados un total de 888 orixinais que optan a unha das tres modalidades da convocatoria: debuxo, redacción e expresión libre.
 
Estes participantes están escolarizados en 52 centros educativos de toda a Comunidade. Destes, 21 pertencen á provincia da Coruña, 9 á de Lugo, 5 á de Ourense, e 17 á de Pontevedra.
 
Satisfacción de Pilar Rojo
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, amosa a súa satisfacción polo elevado número de participantes rexistrados neste concurso, feito que, na súa opinión, demostra que sí é posible suscitar o interese dos máis novos polas institucións sobre as que se sustenta o sistema democrático.
 
Á vista do elevado eco desta convocatoria, Rojo Noguera aposta por institucionalizar a iniciativa cunha periodicidade anual, no marco da política de portas abertas impulsada desde que asumiu a Presidencia do lexislativo autonómico galego.
 
Xurado plural
Unha vez clasificados todos os traballos, o xurado –integrado polos membros da Mesa do Parlamento ou deputados nos que deleguen, e por un docente designado pola presidenta da Cámara- reunirase en datas vindeiras para seleccionar un gañador e un finalista por cada unha das tres categorías establecidas nas bases da convocatoria.
 
A entrega dos premios celebrarase na sede do Parlamento de Galicia ao longo do vindeiro mes de xuño.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas