Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de outubro de 2011

 
  
5.1  08/PNP-1310 (68619)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Gómez Alonso, Alejandro e Rodríguez González, Román 
Sobre a recuperación da liña convencional de transporte ferroviario do Eixe Atlántico "Vigo-A Coruña"
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 534, do 08.09.2011
 
O texto aprobado é o seguinte:   
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Fomento para que proceda á recuperación da liña convencional do "Eixo Atlántico Vigo- A Coruña" para garantir a prestación dos servizos de mercancías e media distancia, así como a implantación do servizos de cercanías."
 
5.5  08/PNP-1385 (70763)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fraga Sánchez, Antonio Ángel e 7 deputados máis
Sobre as actuacións que se deben levar a cabo para a realización de paquetes de consumo eléctrico dos distintos concellos, atractivos para as empresas comercializadoras, co fin de suavizar o gasto corrente na factura eléctrica das entidades locais
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 549, do 29.09.2011
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia para que requira ao INEGA, ás Deputacións Provinciais e no seu caso, e pola súa capacidade organizativa, á FEGAMP para levar a cabo iniciativas que posibiliten a unión de concellos que cumpran os seus compromisos coas empresas comercializadoras de enerxía eléctrica para, sumando os consumos eléctricos dos distintos concellos, facer paquetes de consumo atractivos para as comercializadoras que, mediante os procedementos de contratación oportunos, poidan ofrecer precios por kw/h máis baratos que os actuais, suavizando o gasto corrente dos concellos na factura eléctrica.
 
Así mesmo, o Parlamento insta á Xunta de Galicia para seguir potenciando dende o INEGA as campañas de divulgación e información a particulares, pemes e concellos sobre o bono social e a TUR e para acordar coas deputacións provinciais unhas posibles liñas de avais para estes proxectos de contratación que potencien a competitividade entre as empresas comercializadoras de electricidade”.
 
5.6  08/PNP-1406 (71586)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Caride Estévez, María José e 3 deputados máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa situación de Novacaixagalicia 
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 558, do 13.10.2011
 
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta o goberno galego a:
 
1. Instar a Comisión de Control a anulación ou revogación dos acordos do Consello de Administración de NCG en virtude dos cales se aprobaron indemnizacións millonarias para os antigos directivos da entidade, de xeito que se reintegren e pasen a formar parte do patrimonio da caixa de aforros debendo ser destinadas a adquisición de accións en NovaGalicia Banco.
2. Garantir que os directivos de NCG e de NovaGalicia Banco desenvolverán a súa actividade con transparencia. Namentres exista participación de fondos públicos na entidade, e en aras dunha maior transparencia cos seus accionistas e clientes, solicitar de NovaGalicia Banco que, no seu informe de Goberno Corporativo faga públicas as remuneracións dos actuais directivos de NovaGalicia Banco.
3. Presentar de inmediato no Parlamento de Galicia un Proxecto de lei reguladora das fundacións de carácter especial, de xeito que os representantes dos órganos de goberno cumpran uns criterios semellantes aos aprobados por esta Cámara e reflectidos na Lei 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia; tomando as medidas oportunas para evitar a participación en nome e representación da “fundación especial” de ningún membro do que se demostrara que tivera responsabilidade directa na desaparición de NCG.
4. Promover a continuidade da obra benéfico-social de NCG, priorizando os seus gastos en actuacións de carácter benéfico e social, de xeito que se eviten gastos en inmobles e alugueres e se reduzan os correspondentes á xestión administrativa e á alta dirección.
5. Solicitar ao Goberno do Estado que facilite a participación dos aforradores galegos no capital da nova entidade en garantía do compromiso con Galicia.
 
 
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2011

Imaxes relacionadas