Santalices: “boa parte das arelas polas que traballaron os galeguistas históricos son hoxe unha feliz realidade”

Acto 18/07/2019

• O presidente do Parlamento de Galicia clausurou esta tarde en Ourense a mesa redonda “Xocas, no ronsel da Xeración Nós”, para conmemorar o 30º aniversario do pasamento do etnógrafo
 
• “Xocas foi un home íntegro e comprometido que consagrou a súa vida á nosa xente e ao universo vital que nos modela e conforma como galegos”, afirma Santalices

Santiago, 18 de xullo de 2019.- “Boa parte das arelas polas que tanto traballaron os galeguistas históricos, e nomeadamente a Xeración Nós, son hoxe unha feliz realidade”, segundo afirmou esta tarde o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na clausura dunha mesa redonda titulada Xocas, no ronsel da Xeración Nós, unha actividade celebrada en Ourense para conmemorar o 30º aniversario do pasamento do etnógrafo ourensán.
 
Santalices recordou, nesta liña, que Galicia dispón das súas propias institucións de autogoberno, “a lingua e a cultura galega brillan con luz propia e maniféstanse con plenitude en todos os ámbitos”. Apuntou que “a nosa Comunidade séntese cómoda como parte indisoluble da España democrática e constitucional, a mesma que nos permite desenvolver todos os nosos potenciais”.
 
Para o presidente do Parlamento, “Galicia atópase plenamente inserida en Europa e goza dunha proxección exterior que abre portas e incrementa exponencialmente as posibilidades do país, e todo iso sen deixar de cultivar os vínculos fraternais coa América de alén mar, cos irmáns de Portugal e coa lusofonía no seu conxunto”.
 
Recoñeceu que o Parlamento se suma “encantado” a esta conmemoración, entre outras razóns, polas contribución de Xaquín Lorenzo ao galeguismo e á cultura galega contemporánea, e pola súa entrega á etnografía, que entendía como unha “ferramenta determinante para reafirmar o sentimento colectivo do pobo galego”.
 
Un home íntegro
 
En opinión de Santalices, “Xocas foi un home íntegro e comprometido que consagrou a súa vida á nosa xente e ao universo vital que nos modela e conforma como galegos”.
Santalices agradeceu ao presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, o profesor Justo Beramendi; a Xosé Carlos Sierra Rodríguez, a Alfonso Vázquez Monxardín, a  María Xosé Fernández Cerviño e a Clodio González Pérez a súa participación na mesa redonda.
 
Ademais do presidente do Parlamento, na clausura deste acto tomaron a palabra o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense e o director xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta.
 
Placa en Lobeira
 
Previamente, esta mañá, descubriuse na casa familiar de Facós, en Lobeira, na que Xocas faleceu tal día coma hoxe de 1989, unha placa conmemorativa, “en lembranza e homenaxe a un galego bo e xeneroso”.

Imaxes relacionadas