saltar ao contido

Santalices propón un programa empresa-Parlamento para mellorar a interlocución institucional entre o Lexislativo e os sectores produtivos

Interlocución institucional 28/10/2019

• “O importante é o traballo conxunto e a interlocución fluída que beneficie a empresa, a economía e a sociedade galega”.
 
• O presidente do Parlamento pronuncia unha conferencia no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde subliña que “nada do que España e Galicia son na actualidade, nin do que serán no futuro, será posible sen a empresa privada”.
 
• Para Santalices, a xeración de riqueza e de emprego constitúe “a única fórmula coñecida para blindar o noso sistema de benestar, para ter calidade de vida e dispoñer de sanidade, educación, servizos sociais e pensións para todos”

Santiago, 28 de outubro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, propuxo hoxe en Vigo articular un programa empresa-Parlamento, ”ou como queiramos denominalo”, para propiciar unha “interlocución fluída que beneficie a empresa, a economía e a sociedade galega”.
 
Santalices Vieira efectuou esta proposta no transcurso da conferencia titulada “Un Parlamento aberto á sociedade e á empresa de Galicia”, pronunciada este mediodía en Vigo respondendo a unha invitación do Círculo de Empresarios de Galicia.
 
O titular do Lexislativo galego apuntou que “nada do que España e Galicia son na actualidade, nin do que seremos no futuro, será posible sen a empresa privada” e recoñeceu o “profundo desacougo” que lle provocan  as declaracións que desdeñan o labor do empresariado, mentres confesou a súa “admiración” pola cultura do emprendemento.
 
Recoñeceu que “tanto agora coma no pasado, a presenza de empresarios, autónomos e emprendedores no arco parlamentario é francamente escasa”, tanto no ámbito galego como no das Cortes xerais.
 
Agregou Santalices que, salvando as distancias, “a xestión ordinaria da Administración parlamentaria presenta notables semellanzas coa da empresa privada”. Insistiu en que administrar recursos públicos, “que son de todos, obriga a xestionar cun rigor absoluto”.
 
Ao longo da súa conferencia, o presidente do Parlamento explicou os diferentes mecanismos de participación cidadá, e tamén a estratexia de apertura á sociedade que se está a impulsar desde a institución, razón pola que animou ao empresariado, autónomos e emprendedores  a “compartir as súas inquedanzas e trasladar a súa realidade ás deputadas e deputados” da Cámara. Nesta liña, Santalices considerou  que “sería moi positivo canalizar dun xeito máis institucional a necesaria relación entre todo o tecido empresarial galego e o Parlamento”.
 
Previsibilidade e estabilidade xurídica
 
“Sexa dun ou doutro xeito, o noso obxectivo – un obxectivo compartido- debe pasar por incentivar a actividade económica, mellorar as condicións para o desenvolvemento da actividade empresarial en Galicia desde unha óptica de previsibilidade e estabilidade xurídica”, afirmou o titular da Cámara galega.
 
Abundando na mesma liña, o presidente do Parlamento considerou que “de nada serviría lexislar sobre tal ou tal cuestión en contra das necesidades e do parecer dos diferentes axentes sociais, especialmente os directamente afectados”.
 
A xuízo de Santalices, unha das obrigas do Parlamento consiste en contribuír a configurar un entorno amigable para a actividade das empresas, os autónomos e os emprendedores, porque tamén deste xeito “estaremos promovendo a xeración de riqueza e de emprego, a única fórmula coñecida para blindar o noso sistema de benestar, para ter calidade de vida e dispoñer de sanidade, educación, servizos sociais e pensións para todos”.
 
Consensos
 
Apuntou que aínda que o acordo non sempre sexa noticia, “o consenso é unha realidade fecunda da que non sempre se fala”. Sinalou que o 37,5% das proposicións non de lei aprobadas en Pleno en 2018 contaron co apoio unánime da Cámara, mentres que a unanimidade acada o 67,6% das proposicións non de lei aprobadas en comisión durante  o mesmo exercicio.
 
A xuízo do presidente do Parlamento “a busca de consensos e a colaboración institucional poden e deben ser a clave de bóveda de calquera sistema democrático. Maioría absoluta non pode nin debe equivaler xamais a maioría esmagadora” e puxo como exemplo que arredor do 80% das iniciativas que se debaten no Pleno da Cámara galega son impulsadas polos grupos da oposición.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas