A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 28 de febreiro de 2018, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 15753 (10/PNC-001353)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 6 máis
Sobre a posta en marcha polo Goberno galego dun portal do voluntariado de protección civil que permita levar a cabo xestións, consultas e actuacións, así como coñecer polo miúdo as actuacións, programas e proxectos da Xunta de Galicia nese ámbito
BOPG n.º 174, do 13.09.2017
Sométese a votación xunto coa emenda do G.P. dos Socialistas de Galicia, doc. núm. 27037, e resulta aprobada por 11 votos a favor, 0 votos en contra e 1abstencións.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha, en colaboración coa Fegamp, un Portal do Voluntariado de Protección Civil que permita levar a cabo xestións, consultas, e actuacións, e mesmo coñecer polo miúdo as actuacións, programas e proxectos da Xunta neste ámbito, especialmente os mapas de riscos e de recursos dispoñibles."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 24756 (10/PNC-001942)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 4 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa creación en Galicia, no ano 2018, de novos xulgados de violencia machista, así como as actuacións que debe levar a cabo en relación coa atención que se presta ás mulleres vítimas neles e en todos os sectores da xustiza
BOPG n.º 255, do 07.02.2018
Sométese a votación a transacción coa emenda do G.P. Popular de Galicia, doc. núm. 27049, e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
"1.Que solicite ao Goberno do Estado que se incremente o número de xulgados necesarios en materia de violencia de xénero de xeito consensuado na Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza.
2. Que acorde una solución provisional para o tempo entre o final do convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a implantación dun procedemento de contratación directa dos profesionais das oficinas de atención psicolóxica a vítimas de violencia machista.
3. Que se poña en marcha o acompañamento xudicial personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
4. Que proceda á revisión de todas as dependencias xudiciais de maneira que se efectúe as reformas necesarias, de acordo coas autoridades xudiciais, habilitando espazos posibles para evitar o cruce entre vítimas e agresores.
5. Que, tamén de maneira inmediata, se dote de persoal necesario segundo as súas cargas de traballo, a estes xulgados.
6. Que incremente a formación específica e periódica en violencia de xénero a todos a todos os sectores da xustiza competencia da Administración autonómica."
- 24910 (10/PNC-001947)
Grupo Parlamentario de En Marea
Villares Naveira, Luis e Santos Queiruga, Carmen
Sobre o destino polo Goberno galego dunha partida orzamentaria específica para a substitución das xuízas e dos xuíces nos xulgados de violencia contra a muller da Coruña e Vigo, a súa dotación dos medios humanos e económicos axeitados, así como a de todos aqueles que se ocupen dese ámbito
BOPG n.º 255, do 07.02.2018
Sométese a votación xunto cunha emenda in voce do G.P. Popular de Galicia e resulta aprobada, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta a dirixirse ao Ministerio de Xustiza do Estado español para:
1.- Dotar dunha partida orzamentaria específica para a substitución de xuízas e xuíces a estes Xulgados de Violencia contra a Muller, que garanta sempre a existencia de xuíza ou xuíz, atendendo de forma ordinaria o xulgado, sen que se produzan suspensións das actuacións por ausencia da persoa titular do mesmo.
2.- Dotar de medios axeitados, tanto económicos como humanos, a todos os xulgados específicos de Violencia de Xénero e todos aqueles que ademais se ocupen deste ámbito, para garantir os dereitos das vítimas, dentro do marco contra a violencia machista e a vontade férrea de todas as institucións de loitar contra esta lacra da sociedade."