3.1 16409 (10/PNP-001256)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso e oito deputados/as máis
Sobre a mellora e ampliación pola Xunta de Galicia do programa galego de pacientes polimedicados
Publicación da iniciativa, BOPG nº 178, do 20.09.2017
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a mellorar e ampliar o programa galego de pacientes polimedicados para garantir unha prevención, detección e resolución dos problemas cos medicamentos de forma proactiva, integral e máis efectiva a través da posta en marcha de estratexias de xestión, da mellora da formación dos profesionais e da implicación dun maior número deles para darlle continuidade asistencial a este tipo de pacientes.»
3.7 26211 (10/PNP-001854)
Grupo Parlamentario de En Marea
Vázquez Verao, Paula
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego antes do ano 2020, e as demandas que debe realizar ao Goberno central, en relación coa fenda salarial de xénero, a Lei 35/2010 e o Real Decreto lei 3/2012, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 264, do 21.02.2018
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que antes de 2020 se acometan os seguintes obxectivos, de cara a rematar coa fenda salarial de xénero existente no noso país:
— Trasladar, novamente, ao Goberno do Estado a necesidade de impulsar o acordo unánime do Parlamento de Galicia na sesión do 28 de decembro de 2016 a prol dunha lei de igualdade retributiva entre homes e mulleres.»
3.6 26209 (10/PNP-001853)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e dez deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de igualdade, conciliación e corresponsabilidade, eliminación de roles e estereotipos de xénero na comunicación e nos ámbitos familiar e laboral, flexibilización do tempo de traballo, racionalización horaria e loita contra a fenda salarial
Publicación da iniciativa, BOPG nº 264, do 21.02.2018
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Afondar na transformación dos valores que reproducen a desigualdade de xénero, a través de campañas e accións de sensibilización e información ao conxunto da cidadanía sobre as vantaxes sociais da conciliación corresponsable.
2. Promover unha comunicación libre de mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero e potenciar a transmisión de contidos que fomenten a corresponsabilidade, coa implicación dos diferentes axentes.
3. Avanzar na coeducación para eliminar roles e estereotipos de xénero que repercuten na histórica división sexual do traballo e perpetúan a desigualdade na asunción das responsabilidades familiares e domésticas por parte de mulleres e homes.
4. Impulsar e favorecer a implantación de medidas de conciliación e de flexibilización do tempo de traballo nas empresas e outras organizacións, tales como as administracións locais e autonómica, fomentando o uso corresponsable entre as persoas traballadoras, así como promover un marco de relacións laborais que favoreza a racionalización horaria.
5. Consolidar un sistema de apoios á conciliación dirixidos á atención á infancia e ao coidado de persoas maiores e de persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia.
6. Intensificar o labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social e demais accións de promoción contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo, ao abeiro do Plan Emprega en Feminino.»