• O vicepresidente da Cámara clausurou o VI Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef, no que participou alumnado de catro centros educativos e representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente
Santiago, 13 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe o VI Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef, que foi clausurado polo vicepresidente da Cámara, Diego Calvo Pouso.
Para o vicepresidente do Parlamento, “a palabra e o debate civilizado son ferramentas imprescindibles nas democracias avanzadas, como a que por fortuna temos en España. Por iso mesmo, a violencia é menos frecuente nos países democráticos, onde o Estado de Dereito prevé mecanismos para resolver conflitos e superar as diferenzas de criterio de maneira ordenada, civilizadamente”.
“A vacina do bo trato” é o título proposto por Unicef para as actividades programadas co gallo do Día Mundial da Infancia, que cada 20 de novembro conmemora a sinatura da Convención sobre os Dereitos do Neno.
Importancia da formación
Calvo Pouso, dirixíndose á rapazada presente no Hemiciclo, insistiu na importancia da educación. “Cunha boa formación non só seredes mellores persoas, teredes maiores oportunidades profesionais e máis posibilidades de éxito persoal, senón que tamén seredes quen de construír unha sociedade máis harmoniosa e menos violenta”.
O pleno infantil celebrado no Pazo do Hórreo contou coa intervención de alumnado o IES Xelmírez I, CPR Manuel Peleteiro, CPR La Salle e CPR Santa Apolonia; e de integrantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente dos concellos galegos adheridos á iniciativa Cidades Amigas da Infancia liderada por Unicef Comité Español (Castrelo de Miño, Tomiño, Ourense, Teo, Moeche, O Porriño, Cabanas, Carnota e Redondela).
O vicepresidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra pola presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito. Tamén asistiron integrantes da Mesa da Cámara, así como respresentantes dos grupos parlamentarios e a directora xeral de Familia da Xunta.