A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 24 de marzo de 2022, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 31624 (11/PNC-002835)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Freire Vázquez, María Begoña e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa futura Lei de vivenda estatal
BOPG n.º 289, do 09.03.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 2 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, no suposto de que a futura Lei de Vivenda estatal manteña a redacción orixinal, adopte as acción xurídicas pertinentes incluída, de ser o caso, a interposición do correspondente recurso de inconstitucionalidade, previo informe da asesoría xurídica que acredite a invasión das competencias exclusivas autonómicas en materia de vivenda”.
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 27163 (11/PNC-002504)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 4 máis
Sobre as actuacións que debe realizar o Gobeno galego ante o Goberno do Estado para mellorar os servizos ferroviarios de media distancia e proximidade
BOPG n.º 256, do 14.01.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar do goberno do Estado:
1. A reorganización dos horarios da liña Vigo-Coruña tanto de ida como de volta, para facilitar a conciliación cos horarios laborais e familiares, contemplando entre outras as seguintes medidas:
-adianto da hora de saída do tren que actualmente sae ás 6.40 de Vigo e retraso da saída do que sae de Coruña ás 15 horas;
- reposición da frecuencia diaria Coruña-Vigo con saída ás 18 h
-estudo da modificación dos horarios de saída a primeira hora da mañá de Coruña e pola tarde de Vigo.
2. A adopción das medidas necesarias para garantir a puntualidade e a seguridade do servizo.
3. A ampliación e flexibilización dos abonos, tanto nas modalidades de abonos como no referente ao prazo de vixencia así como á posibilidade de utilizado en calquera das frecuencias existentes.
4. Unha política tarifaria que inclúa descontos por motivos económicos, sociais, de idade e familiares, e que remate coa discriminación que sofren as persoas usuarias da liña Ourense-A Coruña.”
- 28200 (11/PNC-002570)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Calvo Pouso, Diego e 6 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno español en relación coa alta velocidade
BOPG n.º 264, do 26.01.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento insta ao Goberno galego a requirir ao Goberno español que garanta os tempos de viaxe do AVE comprometidos dotando a rede ferroviaria da Comunidade de trens AVRIL; que concrete o cronograma para a chegada da alta velocidade ao conxunto das cidades galegas; e informe de forma certeira de cando estarán dispoñibles eses trens de rodadura desprazable, algo que, en todo caso, deberá ser no prazo máis breve posible.”