saltar ao contido

Acordos aprobados na Comisión non permanente especial de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica, celebrada o 15 de outubro

A Comisión non permanente especial de investigación sobre a contratación pública da administración autonómica, na reunión do 15 de outubro de 2024, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos varios

Normas de funcionamento da Comisión

 

-  12/SCI-000004 (11141)

 

Aprobación das Normas de funcionamento da Comisión

 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024

María Montserrat Prado Cores

Vicepresidenta 2.ª

 

 


Normas de funcionamento da Comisión de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica

 

(Aprobadas na reunión da Comisión do 15 de outubro de 2024)

 

I.  Obxecto e duración

Artigo 1

 

A Comisión créase co obxecto de investigar a contratación pública da administración autonómica co seguinte ámbito de actuación: sobrecusto de 470 millóns de euros na contratación polo sistema de concesión da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro, incluíndo os servizos non clínicos (limpeza, lavandaría, restauración, parking...); contratación da administración autonómica, incluídos os entes instrumentais, coas empresas do grupo EULEN entre 2009 e 2024; procedementos de contratación da administración autonómica sen concorrencia, negociados sen publicidade e contratación menor entre os anos 2009 e 2024; e os contratos de emerxencia tramitados pola Xunta e polo sector público autonómico entre os anos 2020 e 2024, nomeadamente os contratos de emerxencia da COVID 19 adxudicados ás empresas UNIVERSAL SUPPORT, SIBUCU 360 e MAPE ASESORES."

 

Artigo 2

 

                A Comisión extinguirase ao remate do labor encomendado e, en todo caso, ao concluír a lexislatura.

 

II. Organización

 

Artigo 3

​​A Mesa é o órgano de dirección e impulso das actividades da Comisión e exercerá as seguintes funcións:

 

  1. Recompilar toda a información e documentación imprescindible para realizar a tarefa encomendada. Esta información deberá estar a disposición dos deputados e deputadas que conforman a Comisión á maior brevidade posible.
  2. Organizar as actividades que se consideren necesarias para dotar a Comisión de todo tipo de informacións de interese para a elaboración das conclusións.
  3. Preparar os documentos que deban ser sometidos á deliberación da Comisión.
  4. Executar os acordos adoptados pola Comisión.
  5. Propoñerlle á Comisión un plan de traballo e un calendario xeral de actividades, logo de escoitar as propostas dos distintos grupos parlamentarios.
  6. Aquelas que en calquera momento lle asigne a Comisión.

     
    Artigo 4

     1. A Comisión poderá designar unha Ponencia cando as circunstancias do traballo así o aconsellasen.

     
    2. As comparecencias terán lugar en comisión, agás que, por acordo da propia Comisión, se acorde levalas a cabo en Ponencia.

     

    III. Funcionamento

     
    Artigo 5 

    A Comisión será convocada pola súa Presidencia, de acordo coa  súa Mesa.

     Artigo 6

     A Comisión entenderase validamente constituída cando asistan a metade máis un dos seus membros. Os acordos tomaranse por maioría simple.

    Artigo 7 

    1. Os traballos e as deliberacións da Comisión axustaranse ao previsto no artigo 70 do Regulamento do Parlamento de Galicia.

     2. A actuación dos deputados e deputadas deberá axustarse ao previsto no artigo 13 do Regulamento do Parlamento de Galicia.

     

    IV. Medios de acción

     
     Artigo 8

    1. A Comisión, a través da Presidencia do Parlamento, poderá exercer as facultades previstas no artigo 44  do Regulamento da Cámara.

    2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, calquera deputado ou deputada poderá facer uso da facultade de información recoñecida no artigo 9 do Regulamento da Cámara.

     

    Artigo 9

    1. Sempre que se solicitase a presenza dalgunha autoridade ou particular para comparecer na Comisión ou, se é o caso, na Ponencia, os extremos sobre os que deba informar deberán serlle comunicados cunha antelación mínima de cinco días hábiles, debendo ser advertido dos seus dereitos así como da posibilidade de acudir asistido de letrado ou letrada.

     
      2. As persoas requiridas en forma legal e baixo apercibimento que deixasen de comparecer incorrerán nas responsabilidades previstas no artigo 502 do Código penal.

     
    Artigo 10
     Sempre que o axeitado funcionamento da Comisión o precise, o Parlamento, a través da Mesa, poderá contratar, con carácter temporal, o auxilio de persoas expertas, nos termos que se especifican na disposición derradeira cuarta do Regulamento da Cámara.

     

    V. Plan de traballo

     
    Artigo 11

     A Comisión aprobará un plan de traballo sobre a proposta elaborada pola Mesa desta Comisión, oído o parecer e as achegas das portavoces e dos portavoces dos grupos parlamentarios, e nel poderá figurará o calendario xeral de actividades para a Comisión.

     
    O plan de traballo incluirá os mecanismos para a incorporación de novas comparecencias ou solicitudes de información en función do desenvolvemento da propia Comisión.

     

    VI. Comparecencias

     

    Artigo 12

     Serán admitidas todas as preguntas que formulen os grupos parlamentarios en cada comparecencia, sempre que versen sobre o obxecto da Comisión.


    VII. Ditame


    Artigo 13

     

    1. Se a Comisión designase unha Ponencia, esta elaborará un proxecto de ditame no que se reflectirán as conclusións da investigación. O proxecto seralle elevado á Comisión para o seu debate e aprobación.

     
    No caso de que non se designase unha Ponencia, será a propia Comisión a que elabore o proxecto.


     2. Poderá redactarse, así mesmo, unha memoria na que figuren a metodoloxía seguida, o material utilizado e cantos datos se xulguen de interese.

     

    Artigo 14

     
    O proxecto de ditame deberá conter, a título indicativo:

     Un relatorio de feitos.
  7. A busca e constatación dos aspectos relativos á contratación pública da administración autonómica nos ámbitos de actuación descritos.
  8. A análise e valoración das responsabilidades, se é que as houbese.
  9. A avaliación das consecuencias e as medidas que se deban adoptar para o futuro.

     

    Artigo 15         

    Ultimado o proxecto de ditame, a Presidencia da Comisión remitirállelo aos membros desta, no prazo previsto no calendario de actividades, dándolle conta a Presidencia da Cámara destas circunstancias.

     

    Artigo 16
    ​Os membros da Comisión poderán presentar emendas ao proxecto de ditame no prazo de cinco días hábiles desde a súa remisión.

     

    Artigo 17

    O proxecto de ditame, coas emendas presentadas, será obxecto de debate no seo da Comisión, para a súa aprobación definitiva.

     

    Artigo 18

    Os grupos parlamentarios e os deputados e as deputadas poderán formular votos particulares ao ditame aprobado para amosar a súa discrepancia con el ou en relación con aquelas emendas que fosen rexeitadas. Os votos particulares deberán presentarse dentro dos dous días hábiles seguintes á finalización do ditame.

     

    Artigo 19

     O ditame, cos votos particulares se os houbese, seralle remitido á Mesa do Parlamento, no prazo dos cinco días hábiles seguintes á súa aprobación. A Mesa do Parlamento dispoñerá a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

     

    Artigo 20

     O ditame será sometido a debate e votación no Pleno e, para tal fin, a Presidencia do Parlamento —oída a Mesa e a Xunta de Portavoces— ordenará o debate, concederá a palabra e fixará os tempos das intervencións.

     

    Artigo 21

     1. O ditame aprobado polo Pleno será publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e comunicado á Xunta de Galicia, sen prexuízo de que a Mesa do Parlamento acorde o seu traslado ao Ministerio Fiscal.

      2. Por petición do grupo parlamentario propoñente publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia os votos particulares rexeitados.

     

    Disposición derradeira

     En todo o non previsto por estas normas aplicarase supletoriamente o Regulamento do Parlamento de Galicia.

     

    _________________________________________________________________

     

     

     ​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina