saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia en recoñecemento ao Matemático Rodríguez

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN RECOÑECEMENTO AO MATEMÁTICO RODRÍGUEZ

 

O metro, como unidade de medida, debe moito a un home nado nunha aldea de Lalín. O seu nome: José Rodríguez González. E, como acontece en tantas ocasións, foi máis apreciado fóra que dentro do seu propio país. Porque o Matemático Rodríguez foi unha autoridade científica dacabalo entre os séculos XVIII e XIX, impulsor da cristalografía, protagonista de achados astronómicos e, sobre todo, un dos pais do Sistema Métrico Decimal.

Naceu en Bermés (Lalín) o 25 de outubro de 1770. Hai máis de 250 anos. Os seus pais eran labregos e conseguiu estudar grazas á protección dun tío eclesiástico. Obtivo os títulos de bacharelato en Filosofía, Teoloxía e Matemáticas, e con 28 anos xa exercía como catedrático de Matemática sublime na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa carreira internacional, que foi longa e frutífera, comeza en París, en 1803. Con Jean-Baptiste Biot e François Arago sae en 1806 para a medición da medida do arco do meridiano de París entre Dunkerke e Barcelona ata a illa de Formentera. Os resultados serán fundamentais para o establecemento da lonxitude do metro e a implantación do Sistema Métrico Decimal. En 1809, o Matemático Rodríguez desprázase a Londres, onde realiza estudos sobre o meridiano de Greenwich. En 1814 chega a Alemaña, onde estuda cristalografía na Universidade de Gotinga. Un auténtico europeo do século XVIII. Posteriormente, regresa a España en 1819 para asumir a dirección do Observatorio Astronómico de Madrid.

Fixo carreira e chegou a ser deputado en Cortes por Galicia durante o Trienio Liberal (1820-1823). Pero, lamentablemente, perdida a cátedra en Madrid, empobrecido e enfermo, viaxou a Portugal, onde traballou coas universidades de Coimbra e Lisboa, para, finalmente, regresar a Compostela, onde morreu en 1824. A súa tumba, na igrexa de Santo Agostiño, non leva inscrición ningunha.

A figura deste gran home paga a pena ser lembrada e reivindicada en todo o mundo. O seu legado é un orgullo para Galicia e para toda a comunidade científica universal. Expoñer a vida e a obra do sabio de Bermés, tal e como prevé facerse no Parlamento Europeo, axudará a moitos a coñecer mellor unha das figuras máis relevantes e descoñecidas de ciencia europea.

Por todo iso, con motivo da inauguración, o vindeiro xoves 27 de marzo, da exposición do Matemático na Eurocámara, o Parlamento de Galicia quere expresar o seu recoñecemento e admiración á figura deste insigne galego, o Matemático Rodríguez, e do seu legado para a ciencia internacional.

​ 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina