Ferrol acolle a exposición '40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro'
Santiago, 28 de marzo de 2025.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou hoxe en Ferrol a exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro que integra unha escolma dos case 1.600 orixinais doados polo autor ao Lexislativo autonómico e que foron publicados entre 1985 e 2006 no xornal La Voz de Galicia case a diario.
A mostra, que conta coa colaboración do Parlamento de Galicia, La Voz de Galicia e Afundación, reúne unha selección de 230 viñetas políticas nas que se lembran varios momentos de transcendencia
política en Galicia e os seus protagonistas xunto coas páxinas do xornal no que apareceron publicadas. Exporanse ademais pezas relativas á primeira lexislatura autonómica e unha ducia de debuxos inéditos sobre os últimos anos da política galega.
O xefe do Lexislativo destacou na súa intervención a longa traxectoria profesional e o inxenio creativo cos que Siro López abordou a actualidade galega nunha das etapas máis destacadas da historia recente de Galicia.
Por outra banda, agradeceulle ao autor a súa xenerosidade á hora de compartir con todos os galegos e galegas as caricaturas nas que casi a diario reflectiu os episodios e os protagonistas senlleiros da política galega.
A exposición quedará aberta ao público na Sede Afundación de Ferrol ata o vindeiro 21 de maio, de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00h, e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 h.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.