Santalices destaca a vocación europeísta de Galicia fronte ás ameazas de autocracia ou totalitarismo
Santiago, 5 de abril de 2025.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe a “vocación europeísta" de Galicia fronte ás ameazas de “de erguer muros de autocracia ou totalitarismo da man das novas oligarquías tecnolóxicas". “Galicia é Europa, e Europa é sinónimo de democracia, paz e liberdade", defendeu no acto de entrega da Medalla do Parlamento á Real Academia Galega de Belas Artes, a Afundación-Obra Social ABANCA e ao catedrático Ramón Villares.
Na conmemoración do aniversario do Estatuto de Autonomía, o xefe do Lexislativo autonómico agradeceulle aos distinguidos este ano co galardón da Cámara autonómica “a súa implicación, entrega e dedicación constantes na tarefa coral de dar a coñecer os fondos artísticos e culturais" que alberga o Parlamento, como proba inequívoca do seu compromiso coa cultura e a realidade social galega.
Na súa intervención, Santalices reivindicou o orgullo de acoller no recinto parlamentario unha ampla mostra de fondos artísticos, documentais e bibliográficos que acreditan “a vizosa saúde" do talento artístico a historia cultural que cimentan unha identidade propia e madura democraticamente. Compartir e dar a coñecer ese patrimonio “é a nosa obriga, como representantes e fedatarios de todos os galegos e galegas", afirmou.
Cultura, lingua e territorio
O presidente do Parlamento sinalou “a cultura, a lingua e o territorio" como os alicerces da identidade galega dentro da diversidade multicultural que compón o mosaico europeo. Nese sentido, lembrou que Galicia é a rexión de Europa na que por excelencia conflúen desde hai séculos as artes e cultura do vello continente a través do Camiño de Santiago. “Galicia ten aportado moito á conformación do proxecto europeo no que se ven reflectidos millóns de persoas baixo a mesma bandeira", engadiu.
O xefe do Lexislativo referiuse tamén aos intelectuais galeguistas da Xeración Nós que, como fixeron Castelao, Risco ou Otero Pedrayo prestaron unha atención continuada a tódalas correntes europeas que logo plasmaron nas súas obras cunha Europa construída desde a cultura. Pero foi Ramón Piñeiro “quen máis avogou polo galeguismo cunha dimensión europeísta como ideal de integración das comunidades culturais e tamén o decidido impulso dun Estatuto cunha impronta cultural", engadiu.
Santalices salientou que con ese espírito foi que botou a andar o 6 de abril de 1981 o Estatuto do que se conmemora o seu aniversario e que corresponde aos que forman parte das institucións autonómicas “esforzarnos en honrar a súa herdanza e facer medrar os principais símbolos da nosa identidade dándolle forma a través de todas as expresións sociais e artísticas".
Neste sentido, celebrou “con orgullo" o aniversario do Estatuto co que “vimos medrar a nosa autonomía ata situarnos coma un dos territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa, as institucións que o sustentan así como a estabilidade política e social que nos caracterizan".
Galardoados
Por outra banda, destacou como decisivos a colaboración e o asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes na catalogación e a musealización dos fondos artísticos da Cámara integrados por máis de 300 pezas de pintura e escultura de artistas galegos contemporáneos.
Así mesmo, agradeceulle a Afundación-Obra Social ABANCA a súa colaboración desinteresada na difusión da arte da cultura galegas, o que os fai ,−dixo− “xustos e merecidos acreedores da Medalla que hoxe lles entregamos e confirman o seu compromiso real coa cultura, coas institucións e co pobo galego".
Os máximos galardóns que concede o Parlamento galego completáronse co outorgado ao catedrático e historiador Ramón Villares, “un dos intelectuais máis destacados da nosa historia máis recente do que temos o orgullo de contar coa súa colaboración sempre que llela requerimos", segundo apuntou o presidente da Cámara autonómica.
Saúdos, Gabinete de Comunicación