Declaración institucional do Parlamento de Galicia con motivo do 8 de abril e da conmemoración dos 600 anos de presenza do pobo xitano na península ibérica
Cúmprense 600 anos da presenza do pobo xitano na península Ibérica, feito rexistrado a través dun documento que testemuña que o 12 de xaneiro de 1425 Alfonso V, rei de Aragón, outorgou a Juan, Conde de Exipto Menor, un salvoconduto que o autorizaba a viaxar libremente na súa peregrinación a Santiago de Compostela.
«Desde entón, o pobo xitano está presente na península Ibérica, achegando a súa rica expresión artística, o seu léxico, a súa gastronomía, os seus oficios... É imposible imaxinar a cultura española sen que o compoñente xitano forme parte dela. Tamén resulta imposible desligar a historia de Galicia da contribución e a pegada do pobo xitano.»
A pesar de que pasaron seis séculos e o pobo xitano forma parte esencial do crisol cultural que conforma a sociedade española, o profundo descoñecemento do pobo xitano, da súa diversidade, da súa identidade, da historia e da cultura que comparten, está na base do rexeitamento e a discriminación antixitana. O coñecemento que se ten do pobo xitano continúa baseado en xeneralizacións, prexuízos ou estereotipos negativos.
Coa aprobación da Constitución e a instauración da democracia, o pobo xitano foi alcanzando cotas de igualdade e mellorando as súas condicións de vida. Con todo, son moitos aínda os retos pendentes: os xitanos e as xitanas son máis pobres, teñen un nivel educativo moi inferior á media que condiciona o seu futuro, levan o peso dunha imaxe social negativa e sofren máis discriminación, especialmente as mulleres, e están sistematicamente fóra da esfera pública e os espazos de poder.
Con ocasión deste 600º aniversario, e da celebración do 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, sumámonos ao compromiso dos poderes públicos para avanzar na igualdade e o recoñecemento do pobo xitano, un recoñecemento que pasa por preservar e promover o seu patrimonio cultural, a súa historia e a súa cultura, así como os símbolos de identidade.
Para avanzarmos en igualdade é necesaria unha resposta decidida fronte á pobreza e á desigualdade estrutural que impiden o progreso social do pobo xitano. Fan falta investimentos e políticas públicas máis ambiciosas e sostidas que lles permitan acceder a un emprego digno, combater o fracaso escolar e a segregación, ou erradicar o chabolismo. Son imprescindibles tamén respostas institucionais e xurídicas firmes ante os casos de discriminación e o discurso de odio.
Por último, convidamos o conxunto da sociedade para coñecer a historia e a cultura do pobo xitano, os valores e tradicións sobre os que se sustenta a súa identidade; convidámosvos a celebrar xuntos estes 600 anos de historia compartida.