saltar ao contido

Santalices destaca o acordo social e político para constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres


Santalices destaca o acordo social e político para constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

Parlamento, Xunta, Concello e Arcebispado asinan o de creación da fundación pública

O presidente refírese ao Panteón como símbolo de concordia e da identidade de Galicia


Santiago, 12 de abril de 2025.- O presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, celebrou hoxe a creación da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, na que participan Parlamento, Xunta, Concello e Arcebispado de Santiago, como a consolidación dun “símbolo de concordia” que ve a luz “grazas a un amplo acordo social e político”.

Para o xefe do Lexislativo autonómico, a formalización desta fundación pública, prevista na Lei aprobada en 2023 por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, bota a andar convertida “na bandeira dun símbolo de identidade de Galicia e nun lugar de referencia no devir da conciencia das novas xeracións”.

Na súa intervención, Santalices agradeceulle ás fundacións Rosalía, Brañas, Asorey, Fontán e Castelao o traballo que desenvolveron a prol da dignificación deste espazo “tan senlleiro para os galegos que foron e para os que virán”. “Como presidente do Parlamento, síntome moi honrado de dar cumprimento ao mandato previsto na lei para preservar o carácter institucional do Panteón”.

Por outra banda, lembrou os inicios do Panteón, co traslado en 1891 dos restos mortais de Rosalía de Castro desde Iria Flavia, como punto de encontro dos anhelos galeguistas, por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, a Asociación Rexionalista Galega, o Concello de Santiago, a Facultade de Dereito de Santiago e e as colectividades galegas en América.

Fundación

O padroado da Fundación de Galegas e Galegos Ilustres estará presidido pola persoa titular da Presidencia do Parlamento de Galicia e contará con representantes da Xunta de Galicia, do Concello e da Arquidioces de Santiago de Compostela e dos membros da Mesa do Parlamento.

Para o cumprimento dos seus fins, contará cunha comisión asesora da que formarán parte representantes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades públicas de Galicia, as consellerías da Xunta que teñan atribuídas as funcións de cultura e patrimonio histórico e de facenda e orzamentos, o Concello e a Arquidiocese de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e os padroados das persoas que honran a memoria das persoas soterradas no Panteón.








Saúdos, Gabinete de Comunicación

​​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina