O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 23 de abril de 2025 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual sobre política xeral, doc. núm. 24009, 12/DEBA-000001), as seguintes resolucións:
1.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a garantir que as vías de titularidade autonómica integradas en zonas urbanas sexan obxecto de cesión aos concellos, nos casos en que a súa funcionalidade o permita, unicamente logo de que os termos da cesión sexan pactados entre a Xunta e o concello correspondente, de acordo cos criterios técnicos e coas necesidades de mobilidade e seguridade cidadá."
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 1 do G.P. Mixto)
2.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a poñer en valor os centros históricos e os barrios degradados das cidades galegas, promovendo a rexeneración urbana e a recuperación do patrimonio arquitectónico."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 9 do G.P. Mixto)
3.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar con programas a mellora de espazos públicos en contornos urbanos degradados, promovendo a inclusión social e a recuperación do espazo para a cidadanía."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 22 do G.P. Mixto)
4.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar axudas destinadas aos agricultores e gandeiros afectados pola posible declaración de zonas vulnerables, no caso de que finalmente haxa que as declarar, logo do procedemento de coordinación que, en cumprimento do art 3.3, apartado D, do Decreto 47/2022, se está levando a cabo entre a Dirección Xeral da Auga do Ministerio para a Transición Ecolóxica o Reto Demográfico e as comunidades autónomas e sempre que sexan afectadas pola contaminación de nitratos de orixe agraria, mantendo os compromisos acadados pola Xunta de Galicia na mellora do regadío da Limia."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 30 do G.P. Mixto)
5.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar impulsando os vínculos coa lusofonía a través do recoñecemento ao traballo de persoeiros como D. Isaac Alonso Estraviz."
Aprobada por 66 votos a favor, ningún en contra e 9 abstencións.
((Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 29 do G.P. Mixto)
6.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar os mecanismos estables e de diálogo e de coordinación coas entidades locais e co tecido social para definir investimentos prioritarios no marco da planificación orzamentaria."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
((Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 14 do G.P. Mixto)
7.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar traballando na mellora da información territorializada incluída nos orzamentos, que, así mesmo, permita proporcionar maior información á cidadanía."
Aprobada por 41 votos a favor, 10 en contra e 24 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 21 do G.P. Mixto)
8.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar mellorando o sistema educativo poñendo en marcha medidas que posibiliten un sistema educativo de calidade, garante da igualdade de oportunidades e inclusivo, a través dunha estratexia específica nesta materia; a redefinición do programa E-Dixgal, cun novo modelo de dixitalización consensuado; e o mantemento da calidade nos servizos educativos complementarios, ámbito no que Galicia xa é referente dentro de España."
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 20 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
9.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar e mellorar a atención á saúde mental, tendo en conta o aumento da demanda asistencial que se está a rexistrar, coa aprobación dun novo plan de saúde mental que incluirá a creación dunha rede de psicoloxía de atención primaria dependente dos servizos de psiquiatría que incluirá a ampliación da rede de saúde mental, así como a dotación de novas prazas en centros residenciais e de rehabilitación para estes pacientes. "
Aprobada por 49 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 29 do G.P. Popular de Galicia)
10.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incrementar os recursos e mellorar a planificación das actuacións en materia de saúde mental, garantindo a dotación suficiente de profesionais e unidades de atención en todo o territorio galego."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Mixto).
11.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a garantir o acceso á atención sanitaria especializada sen discriminación por territorio, promovendo a descentralización de servizos e o uso da telemedicina."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Mixto)
12.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incrementar o investimento en infraestruturas deportivas de uso público, garantindo criterios de equilibrio territorial."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Mixto)
13.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar as medidas de seguridade viaria nas contornas escolares, incluíndo melloras na sinalización, pasos de peóns e zonas de baixa velocidade."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Mixto)
14.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a establecer unha liña de apoio específico á cultura local e aos festivais e actividades culturais que promovan a identidade e a cohesión do territorio galego."
Aprobada por 41 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Mixto)
15.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno central que apoie a solicitude unánime do Parlamento de Galicia de conceder, canto antes, ao Xacobeo de 2027 a declaración como evento de excepcional interese público (EEIP), que conta xa coa aprobación da Comisión Executiva do Consello Xacobeo e co visto e prace do Ministerio de Cultura. Na mesma liña, instarase o Goberno de España para un maior e firme apoio económico ante o próximo “lustro Xacobeo 2027-2032", co fin de ter unha maior presenza nacional e internacional que sirva, como os xacobeos anteriores, para o reforzo turístico da marca España e da marca Galicia."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. Popular de Galicia)
16.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo un modelo de turismo sustentable e de calidade que permita seguir a incrementar o poder dinamizador e de investimento que esta actividade supón para a nosa comunidade, e a rexeitar expresamente as actitudes de turismofobia baixo o convencemento de que toda actividade turística debe ser compatible coa vida cotiá da cidadanía e co respecto á convivencia."
Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 26 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia)
17.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a que, unha vez que se faga efectiva a transferencia de funcións, de medios e de servizos do litoral galego, de xeito inmediato, unifique as autorizacións e os permisos nun só procedemento para axilizar a tramitación á xente que quere vivir e traballar no litoral; aprobe un catálogo de patrimonio cultural do litoral; conecte mediante unha rede de sendas o litoral galego; cree unha guía para a integración dos establecementos hostaleiros do litoral; e lance un programa para recuperar edificacións valiosas a nivel arquitectónico, histórico e cultural nestas zonas."
Aprobada por 49 votos a favor, 25 en contra e 1 abstención.
(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia)
18.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a continuar favorecendo políticas dirixidas ao impulso industrial na nosa comunidade, sempre que cumpran a normativa ambiental vixente, tanto autonómica como estatal e europea, e rexeitar que posturas de negacionismo industrial se instalen na nosa comunidade. Entre as actuacións para executar, dirixirse ao Goberno de España para que impulse as medidas necesarias que permitan garantir que os proxectos industriais estratéxicos de Galicia dispoñan das infraestruturas eléctricas e das axudas necesarias para a súa viabilidade e a súa implantación no noso territorio, ofrecendo unha resposta áxil e axustada á realidade do tecido produtivo galego e facilitando a asignación dos fondos destinados aos PERTE en igualdade de condicións con outras comunidades autónomas, procurando un diálogo e unha colaboración permanentes coa Administración autonómica."
Aprobada por 40 votos a favor, 25 en contra e 10 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. Popular de Galicia)
19.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a dirixirse ao Goberno de España para que impulse as medidas necesarias que permitan manter a posición de liderado de Galicia nas enerxías renovables, nomeadamente desenvolvendo as infraestruturas eléctricas da rede de transporte ou distribución para a evacuación dos novos proxectos en marcha, garantindo que o hidroxenoduto A Coruña-Zamora non sofre atraso ningún con respecto aos que foron declarados como proxectos de interese común no ano 2024 e promovendo un desenvolvemento ordenado da eólica mariña que sexa compatible co medio mariño e coas actividades do sector pesqueiro, a través do apoio á plataforma experimental de eólica mariña de Punta Langosteira como instrumento para a adquisición de coñecemento acerca da eólica mariña flotante e a convocatoria das poxas de eólica mariña, coas máximas garantías e incluíndo Galicia."
Aprobada por 49 votos a favor, 24 en contra e 1 abstención.
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia)
20.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a adoptar medidas para o abaratamento do solo empresarial cuxa titularidade corresponda á sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur."
Aprobada por 49 votos a favor, 25 en contra e 1 abstención.
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia)
21.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira, para abordar a reforma do modelo de financiamento autonómico, no que Galicia traballará a prol de avanzar no autogoberno económico e financeiro para blindar o autogoberno e garantir uns servizos públicos de calidade e as necesidades de transformación económica, defendendo un financiamento xusto para Galicia, mellorando a proposta actual de poboación axustada, e para defender a ponderación adecuada dos sobrecustos que a dispersión e o envellecemento implican na prestación dos servizos públicos galegos, así como doutros factores que condicionan o desenvolvemento socioeconómico galego. Así mesmo, defenderase a valoración dun modelo xusto de financiamento local que supere a discriminación histórica dos concellos galegos e, no caso de condonación ás comunidades que se adherisen ao FLA, que se compense equitativamente as comunidades que non o fixeron."
Aprobada por 66 votos a favor, 9 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 20 do G.P. Popular de Galicia)
22.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España as modificacións lexislativas necesarias para que o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sexa nomeado e separado por proposta da Xunta de Galicia, co fin de garantir unha xestión máis coordinada e eficiente das bacías fluviais que discorren por Galicia."
Aprobada por 40 votos a favor, 9 en contra e 26 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia)
23.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España co fin de demandar a posta en marcha das medidas e das actuacións necesarias para mellorar a rede ferroviaria en Galicia e a súa conexión co exterior, con reclamacións como a de designar un interlocutor directo entre o Goberno autonómico e Renfe; exixir que se solucionen as incidencias, os atrasos e os incidentes técnicos que se suceden nos servizos do eixo atlántico e na media e longa distancia; exixir que se recuperen as frecuencias suprimidas durante a pandemia, aínda sen recuperar; e tamén que se solucionen as deficiencias na programación e os tempos de venda dos billetes na páxina web, que impiden aos galegos planificaren as súas viaxes con antecedencia. Ademais, demandarase que se impulsen e se completen as infraestruturas pendentes e necesarias para o AVE entre Vigo e Porto e a conexión de alta velocidade coas cidades de Lugo e de Ferrol, así como que se reclame a redacción dun verdadeiro, rigoroso e completo plan director para a adecuación e mellora do corredor Atlántico, que conte coa colaboración activa das comunidades autónomas polas cales discorre esta infraestrutura, cunha planificación real e detallada."
Aprobada por 66 votos a favor, ningún en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Popular de Galicia)
24.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a solicitar ao Goberno de España que apoie o sector agrario e outros posibles sectores afectados ante o novo contexto arancelario, dirixíndose ás autoridades europeas para establecer plans específicos, con dotación económica suficiente, que inclúan medidas de promoción en países terceiros, alternativas de xestión dos excedentes que poidan producirse e axudas aos produtores que vexan significativamente afectadas as súas exportacións, nomeadamente en favor do sector vitivinícola, de gran relevancia en Galicia. Tamén para que procure unha redacción do texto da nova lei de agricultura familiar que teña en conta a realidade de territorios como Galicia, onde a base territorial destas explotacións familiares consta de multitude de pequenas parcelas, de maneira que se simplifique a tramitación da solicitude única da PAC para este tipo de explotacións."
Aprobada por 66 votos a favor, ningún en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. Popular de Galicia)
25.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que continúe insistindo ante o Goberno central na ampliación do teito competencial naqueles ámbitos de especial interese para a Comunidade Autónoma previstos na Constitución e no Estatuto, en especial: a transferencia da titularidade da AP-9 e o rescate da súa concesión; a xestión do ingreso mínimo vital; o traspaso dos servizos de meteoroloxía e as competencias en materia de permisos de traballo vinculados a permisos de residencia, co fin de continuar a avanzar en todo aquilo que poida contribuír para facilitar a vida das persoas que se despracen a Galicia."
Aprobada por 41 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 6 do G.P. Popular de Galicia)
26.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reclamar ao Goberno de España o rescate da concesión da AP-9, tendo en conta que o seu custo sería equiparable ao das subvencións a futuro das peaxes, así como a transferencia da súa xestión completa. Solicitarase, do mesmo xeito, transparencia e diálogo coa Comunidade Autónoma en relación cos diferentes aspectos da xestión da AP-9: asunción inmediata do pagamento completo por parte do Estado da peaxe en sombra en Rande e A Barcala e información ao respecto do procedemento que se segue nas institucións da Unión Europea acerca das prórrogas das concesións."
Aprobada por 41 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia)
27.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego ao máximo desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, co fin de continuar a promover a chegada de persoas de alta cualificación académica e profesional á nosa comunidade, así como a que solicite ao Goberno de España que tome as medidas necesarias para contribuír a este obxectivo: axilizando o procedemento de homologación de títulos universitarios obtidos no exterior e as concesións de permisos de residencia e traballo dos cónxuxes e descendentes sen nacionalidade dos españois retornados, dotando de financiamento adecuado as comunidades autónomas que realmente están a desenvolver programas efectivos de retorno, mellorando os niveis de atención nos servizos consulares do Estado para axilizar os trámites ordinarios necesarios para o retorno, eliminando as desigualdades coas que a lexislación fiscal estatal grava os emigrantes e os retornados e introducindo plans estatais específicos de acceso á vivenda para familias retornadas (tanto para a compra como para o alugueiro)."
Aprobada por 41 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia)
28.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a contribuír para a adaptación das entidades locais á nova realidade social, económica e tecnolóxica mediante a aprobación, durante o ano 2025, dunha nova lei de Administración local de Galicia e tamén a través do lanzamento dun plan de formación dixital para os concellos de menos de cinco mil habitantes."
Aprobada por 41 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 4 do G.P. Popular de Galicia)
29.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, dentro do novo modelo de atención e de coidados ás persoas maiores, desenvolva un plan específico para incrementar a rede de centros residenciais na nosa comunidade, a que aumente as prazas públicas e a que achegue servizos aos territorios que máis o precisan."
Aprobada por 41 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia)
30.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir facilitando a mobilidade por estrada na comunidade autónoma, mantendo a liña de traballo que vén desenvolvendo nos últimos anos de estender a rede viaria de alta capacidade, limitar a contía das peaxes, ofrecer descontos das tarifas nas autoestradas autonómicas e levar a cabo un constante mantemento da súa rede viaria. Ademais, reclamará ao Goberno de España unha planificación das actuacións necesarias para cumprir os seus compromisos en materia viaria, coa construción das autovías estatais pendentes (A-74 Autovía da Mariña, A-56 Lugo-Ourense, A-76 Ponferrada-Ourense), actuacións en contornas urbanas (como a Vía 18, a Cuarta Rolda da Coruña, a Variante Norte de Ourense), o diálogo con concellos e veciños para obter solucións de consenso en trazados como a circunvalación de Pontevedra (A-57) ou a prolongación da A-52 en Vigo e Mos, o impulso de variantes esquecidas (como a da Estrada ou a de Ponteareas) e a mellora da seguridade viaria no conxunto na súa rede viaria en Galicia, con casos que preocupan como a N-120, tanto en Ourense como en Pontevedra, ou a N-541, que motivou o denominado “Pacto de Pedre" ."
Aprobada por 41 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia)
31.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar un pacto pola lingua, que emerxa do consenso político e social e que cristalice nunha renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, ademais do impulso de novas medidas que promovan un maior uso do galego en todos os ámbitos sociais. De xeito paralelo, reclamarase ao Goberno central un maior compromiso para o financiamento destinado ás políticas de promoción das linguas cooficiais e a súa repartición con criterios adecuados aos fins que se deben perseguir, asegurando un equilibrio na repartición deses fondos, para o cal se regulará que ningunha comunidade autónoma reciba máis do 40 por cento do total do fondo de que se trate ."
Aprobada por 41 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. Popular de Galicia)
32.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a se dirixir ao Goberno de España para que cumpra co compromiso de colaborar co cofinanciamento do custo da gratuidade total das escolas infantís vixente en Galicia."
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia)
33.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, no marco do proceso de diálogo aberto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), incremente a achega autonómica en favor dos concellos para soster os servizos municipais de axuda no fogar (SAF) e a que reclame ao Goberno de España o financiamento do 50 por cento do previsto na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, desde a súa entrada en vigor, así como a modificación dos baremos da dependencia e a que calquera modificación legal que estableza o Estado estea acompañada do financiamento estatal preciso."
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia)
34.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que continúe a apoiar a mocidade para poder desenvolver os seus proxectos vitais. No ámbito da vivenda, ampliando o orzamento destinado ao Bono Emancípate, logo do éxito acadado na primeira convocatoria; tamén coa reserva para ela dun 40 por cento das novas vivendas en alugueiro e un 25 por cento das vivendas en venda que se constrúan na lexislatura; aloxamentos compartidos, o Bono Alugueiro Mozo, axudas directas á compra de vivenda e avais para sufragar a primeira compra de vivenda con hipoteca, entre outras medidas.
En paralelo, no ámbito do emprego, implementarase unha estratexia para impulsar as oportunidades laborais da mocidade galega co fin de avanzar na retención e na captación de talento mozo, buscando acadar un mercado de traballo dinámico e inclusivo.
Así mesmo, instarase o Goberno de España a crear un pacto de Estado polo futuro da mocidade, que articule un plan de acción conxunto coas comunidades autónomas centrado en tres eixes fundamentais: emprego xuvenil, vivenda e formación."
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 32 do G.P. Popular de Galicia)
35.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que cumpra co seu deber constitucional de presentar ante as Cortes Xerais o Proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado, xa que esta inacción, reiterada e sistemática, compromete a execución de políticas públicas e transmite inestabilidade institucional."
Aprobada por 41 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 39 do G.P. Popular de Galicia)
36.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a pór en funcionamento recursos móbiles específicos para achegar servizos de información, de asesoramento e de acompañamento ás mulleres en localidades de ámbito rural e nas universidades galegas. Ademais, insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno central que cumpra co Pacto de Estado contra a violencia de xénero, elaborando unha lei estatal contra a trata para poder garantir a protección e os dereitos das vítimas, e que asuma o gasto do custo de funcionamento dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual creados a partir da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 13 do G.P. Popular de Galicia)
37.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a aprobar un plan para a atención do paciente crónico complexo e avanzado, desde un enfoque sociosanitario integral, para mellorar a calidade de vida dos doentes, con independencia de que vivan en residencias ou no seu domicilio."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. Popular de Galicia)
38.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que solicite ante a Unión Europea a participación das administracións das rexións altamente dependentes da pesca, como a galega, no proceso de toma de decisións xunto con todos os Estados membros, co obxectivo de contar cunha regulación máis xusta. Mentres tanto, instarao para que defenda ante a Comisión Europea a exclusión total do atún do Acordo de Libre Comercio entre a UE e Tailandia, así como o establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións (level playing field) e que eviten a competencia desleal en todos os produtos pesqueiros ."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. Popular de Galicia)
39.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar traballando xunto co resto das administracións e as empresas Alcoa e Ignis para asegurar o futuro da factoría de alumina e aluminio de San Cibrao, a continuidade da súa actividade e o mantemento dos postos de traballo. Así mesmo, a dirixirse ao Goberno de España para axilizar a autorización dos proxectos de parques de xeración de enerxía renovable destinados a subministrar enerxía limpa e a prezo estable e competitivo á factoría da Mariña lucense; reclamar a convocatoria periódica da Mesa de Seguimento entre administracións, empresa e representantes das persoas traballadoras e desenvolver as medidas de apoio ás industrias electrointensivas mediante o estatuto do consumidor e as achegas por compensación de CO2 e outros apoios destinados a promover a modernización e a competitividade deste complexo industrial."
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 38 do G.P. Popular de Galicia)
40.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que solicite ao Goberno de España que instale en Galicia o futuro Centro Nacional de Ciberseguridade, tendo en conta a existencia en Galicia dun sólido ecosistema empresarial e de formación e investigación en materia de ciberseguridade, así como a próxima posta en marcha en 2026 do Centro de Ciberseguridade de Galicia en Ourense, instalacións que poderían acoller tamén este, o que ademais contribuiría a un desenvolvemento máis equilibrado do país, á cohesión territorial e á redución da fenda dixital entre rexións."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia)
41.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno central a cesión dos inmobles baleiros das localidades de Galicia onde existe maior demanda acreditada de vivenda propiedade da Sareb, así como solo da súa propiedade, e a inclusión da Comunidade Autónoma de Galicia dentro das subvencións directas que concede o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para o incremento do parque público de vivendas, como fai con Cataluña."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia)
42.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia ampliar neste ano 2025 e de acordo coas necesidades clínicas o calendario vacinal dos grupos de poboación máis vulnerables, como son a infancia, a mocidade e a xente maior."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Proposta de resolución núm. 28 do G.P. Popular de Galicia)
43.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a fomentar hábitos de vida saudable, garantir unha alimentación sustentable e promover a compra de peixe e de marisco fresco nas peixarías situadas en Galicia, axudando a cidadanía mediante o Bono Peixe. Así mesmo, para redundar nestes obxectivos, dirixirase ao Goberno central para que considere como alimentos básicos os produtos do mar, a carne e as súas conservas, de xeito que lles aplique o tipo de IVE superreducido do 4 por cento como medida de apoio para as familias con rendas baixas ou en situación de vulnerabilidade, para fomentar o consumo saudable e como iniciativa de apoio tamén a estes sectores."
Aprobada pola unanimidade das 75 deputadas e deputados.
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia)
44.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a se dirixir ao Goberno de España para que rectifique a estratexia de redución de efectivos na Unidade de Policía Nacional Adscrita (UPA), así como que actualice o catálogo de postos de traballo e a cobertura do cento por cento das vacantes do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil e que reclame un apoio explícito coa ampliación de horarios e coa operatividade dos cuarteis da Garda Civil nos municipios do rural."
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Popular de Galicia)
45.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a exixir á Administración central que garanta que calquera traslado de menores migrantes estea baseado en criterios obxectivos e equitativos, teña en conta a capacidade de acollida e a opinión das distintas comunidades autónomas, se faga cunha planificación adecuada, estea dotado do financiamento estatal preciso para ofrecer os mellores recursos, atención e acollida e respecte o interese superior dos menores, de acordo co establecido na Convención sobre os dereitos do neno."
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia)
46.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para reiterar ao Goberno de España a necesidade de transferir ás comunidades autónomas a xestión directa dos fondos europeos de recuperación —en particular, os do ámbito industrial—, en cumprimento dos reiterados acordos do Parlamento galego, garantindo que Galicia reciba os fondos europeos proporcionais ao seu peso económico para a súa xestión no ámbito autonómico; ou, subsidiariamente, para implantar, xunto coas comunidades autónomas, un sistema de cooperación e cogobernanza para a xestión dos fondos dispoñibles dos PERTE da industria, co fin de garantir un apoio máis áxil, eficaz, obxectivo e transparente dirixido ás empresas nos procesos de recuperación e transformación económica, asegurando os fondos industriais comprometidos polo presidente Sánchez aos proxectos avalados tecnicamente polos servizos públicos e, especialmente, aqueles que teñan máis madurez e avances na súa tramitación."
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia)
47.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir avanzando en alivios fiscais, incluíndo nos Orzamentos de 2026 novas rebaixas fiscais."
Aprobada por 41 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia)
48.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para reclamarlle de forma urxente a axilización do proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios; a modificación do Estatuto Marco para, entre outras necesidades e de forma dialogada, elevar a idade máxima para o exercicio da profesión médica aos 72 anos; acelerar a implantación da especialidade de médico de urxencias; incorporar á oferta formativa de especialistas as novas prazas acreditadas; e a adopción de medidas que permitan incentivar as prazas consideradas como de difícil cobertura. Todo o anterior, co obxectivo de paliar o déficit de profesionais de determinadas especialidades que sofre todo o sistema nacional de saúde."
Aprobada por 41 votos a favor, 34 votos en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. Popular de Galicia)
49.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a pór en marcha novas medidas de apoio ás familias no ámbito educativo, a través da creación dunha dedución autonómica específica que as axude a facer fronte aos gastos educativos do alumnado matriculado nas etapas do ensino obrigatorio, favorecendo a igualdade de oportunidades. Igualmente, a Administración autonómica promoverá a creación dunha rede galega de concellos contra o acoso escolar para continuar a avanzar en centros libres deste tipo de condutas, nos cales o alumnado se poida desenvolver plenamente."
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia)
50.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a crear a primeira rede de centros de innovación avanzada de formación profesional para continuar a dar resposta ás necesidades das persoas, do territorio e do tecido empresarial, reforzando e potenciando a especialización, a innovación e a investigación aplicada para favorecer dinámicas de transferencia cos sectores produtivos."
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia)
51.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a recoñecer a importancia de aumentar e diversificar a subministración de materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas, co fin de reforzar a autonomía estratéxica, reducir a dependencia do exterior e asegurar unha subministración segura e sostible de materias primas esenciais para as transicións verde e dixital."
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. Popular de Galicia)
52.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar as medidas que promovan a oferta de vivenda mediante apoios á rehabilitación de vivendas baleiras de particulares con destino ao mercado de alugueiro, a través de axudas directas do Instituto Galego da Vivenda e Solo ás persoas propietarias."
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 23 do G.P. Popular de Galicia)
53.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia acorda subscribir a Resolución do Parlamento Europeo do 19 de setembro de 2019 de condena dos totalitarismos nazi e comunista. Igualmente, insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que adopte todas as medidas recollidas nas declaracións da citada resolución do Parlamento Europeo mediante a súa incorporación á lexislación vixente española."
Aprobada por 50 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia)
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente