DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA
SOBRE O COOPERATIVISMO GALEGO
O Parlamento de Galicia facéndose eco da iniciativa do Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo e representativo do cooperativismo de Galicia, desexa facer pública coa presente declaración a satisfacción pola decisión da Organización das Nacións Unidas (ONU) de declarar este ano 2025 como ANO INTERNACIONAL DAS COOPERATIVAS, baixo o lema —que facemos propio— «As cooperativas constrúen un mundo mellor».
En Galicia, unha comunidade de forte compoñente rural, este modelo de organización non só promove a igualdade de oportunidades, senón tamén a inclusión, reafirmando o seu compromiso coa equidade e a gobernanza democrática, especialmente durante os últimos anos, de importante complexidade. Neste sentido, percibimos isto como un logro, resultado do esforzo conxunto das propias cooperativas galegas, das súas asociacións representativas, así como das institucións públicas competentes, que veñen traballando de forma coordinada para fornecer e consolidar este modelo empresarial.
Certamente, as cooperativas, tanto de crédito como de transporte, agrarias ou de traballo asociado, entre outras, representan unha forza clave no tecido económico e social da nosa comunidade, son indispensables para o noso enteiro desenvolvemento e permiten responder aos retos máis actuais, por medio de iniciativas cooperativas innovadoras, demostrando que é posible combinar progreso económico e respecto ambiental.
Os novos retos que ten o cooperativismo son os de fomentar un novo rexurdir entre a xente moza, o de dispoñer de maior apoio institucional para atopar o financiamento e de acadar unha dimensión maior. Isto proporcionará un maior peso dentro da economía social, efectuando unha remuda xeracional con éxito, e permitirá acadar alianzas de intercooperación que posibiliten acceder a fondos Next Generation que priorizan os proxectos de economía social, a sustentabilidade e a innovación, onde as cooperativas terán un papel preponderante.
2
Igualmente, o apoio das administracións é patente a través das ferramentas que poñen á disposición das diferentes familias da economía social os obxectivos da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027. Os diferentes formatos de axuda das administracións autonómica e local alixeiran o camiño destas cara á súa modernización, potenciando o seu asentamento no territorio.
Nesta mesma liña, con motivo do Ano Internacional das Cooperativas 2025, tanto o Consello Galego de Cooperativas como o movemento cooperativo galego, en xeral, comprométense a promover o cooperativismo entre a cidadanía, a fomentar a colaboración público-privada, a potenciar o emprendemento cooperativo, a impulsar a mellora continua na xestión e na gobernanza das cooperativas, ademais do apoio e consolidación do cooperativismo a través das políticas públicas, ao tempo que isto permita contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).
Para lograr tal fin, esta declaración pretende servir para facer un chamamento á celebración desta conmemoración, así como a traballar conxuntamente para que Galicia sexa exemplo e referente global no eido do cooperativismo, mostrando como as cooperativas son a clave para construír un futuro máis xusto, sustentable e equitativo.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025