saltar ao contido

Santalices destaca que o Parlamento de Galicia é pioneiro na regulación no eido das novas tecnoloxías


  • O presidente do Parlamento de Galicia participou esta mañá nun pleno infantil que se celebra en colaboración con Aldeas Infantiles SOS.
  • Santalices defende que «o uso das novas tecnoloxías é unha responsabilidade compartida».

  • Asistiron en total 86 alumnos e alumnas de cinco centros educativos das catro provincias galegas.

Santiago, 3 de xuño de 2025. O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un pleno infantil enmarcado na actividade denominada Deputados por un día, dentro do programa Abraza os teus valores, organizado en colaboración con Aldeas Infantiles SOS.​


A este pleno acudiron en total 86 estudantes, procedentes do Colexio Emma (Santiago de Compostela, A Coruña), do CEIP Plurilingüe de Xermade, do CEIP Antía Cal Vázquez (Muras, Lugo), do CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense) e do CEIP de Espedregada (Raxó, Pontevedra), todos de Educación Primaria.

Nesta sesión plenaria infantil abordouse o tema de fomentar o valor do respecto para o bo uso das tecnoloxías. O presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que «o control do uso das novas tecnoloxías é unha responsabilidade compartida», a nivel persoal, colectivo e tamén por parte dos poderes públicos, para así axudar a frear o impacto negativo que estas teñen na sociedade, especialmente entre a poboación máis nova.

Na súa intervención, o presidente lembrou que o Parlamento xa ten aprobadas varias leis no campo das novas tecnoloxías, unha sobre o desenvolvemento e o impulso da intelixencia artificial en Galicia, a Lei 2/2025, e mais a Lei de reforma da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, «para introducir o concepto de ciberdelincuencia e, de forma específica, a que se exerce sobre a muller». Ademais, en xuño do ano 2022 o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional en favor dunha intelixencia artificial ética e centrada no ser humano.


Participantes

Nesta xornada interviñeron o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; así como o presidente de Aldeas Infantiles SOS, Pedro Puig. Tamén asistiron os representantes dos grupos parlamentarios.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina