saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 25 de xuño de 2025


5.1  24126 (12/PNP-001909)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pérez López, Noelia e 8 máis

Sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia co obxecto de que reclame a transferencia das competencias en materia de permisos de residencia e de traballo para migrantes

Publicación da iniciativa, 192f1, 30.04.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:


“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a iniciar os trámites para reclamar o traspaso das competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes, para poder habilitar un proceso que reduza os prazos para obter esta documentación".

 


5.2  25541 (12/PNP-002033)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Espinosa Mangana, María Elena e Longueira Castro, Silvia

Sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia co fin de que elabore un novo plan de saúde mental

Publicación da iniciativa, 200f1, 20.05.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:


“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Elaborar un novo plan estratéxico de saúde mental (PESM) que recolla as necesidades reais, baseado tamén nas experiencias obtidas, que sexa participativo co persoal especializado en saúde mental e que dea resposta ás necesidades de saúde mental dos galegos e as galegas."

​ 

 

5.4  26615 (12/PNP-002140)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

García Comesaña, Julio e 13 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe realizar ao Goberno de España en relación coa protección ambiental e posta en valor do río Miño no seu treito internacional

Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, 206f1, 04.06.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a, no marco das súas competencias, dirixirse ao Goberno de España para:

1.- Dar resposta desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica á solicitude de reunión formulada polo alcaldes de todos os concellos afectados, para abordar diversas problemáticas, no ámbito das súas competencias sobre o Tramo Internacional do Río Miño.

2.- Analizar o cumprimento do caudal ecolóxico mínimo e o impacto das oscilacións de caudal brusco no Tramo Internacional del Río Miño e sobre a fauna piscícola fluvial.

3.- Abordar, en colaboración co resto de administracións, incluídas as autoridades portuguesas, a prevención e control de especies exóticas e invasoras, tanto na lámina de auga como nas marxes do río, para preservar a biodiversidade autóctona.

4.- Promover diante dos organismos competentes a recuperación da dragaxe controlada e ambientalmente sostible do Treito Internacional do Río Miño como ferramenta para garantir a navegabilidade e a seguridade.

5.- Facilitar aos concellos e particulares o cumprimento das obrigacións en materia de xestión da biomasa.

6.- Instar á actualización do regulamento de navegación no Río Miño, tendo en conta a evolución das actividades recreativas e deportivas e a diversidade de embarcacións.

7.- Solicitar un reforzo da inspección e control das embarcacións dedicadas ao transporte de pasaxeiros, esixindo o cumprimento das garantías de seguridade, legais e fiscais, e fomentando a cooperación coa administración portuguesa para garantir un servizo seguro, ordenado e regulamentado.

8.- Reforzar a protección estrutural e patrimonial das “pesqueiras" existentes no río".



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina