saltar ao contido

O Parlamento dálles a benvida ás nenas e aos nenos saharauís que pasarán o verán en Galicia


​O Parlamento dálles a benvida ás nenas e aos nenos saharauís que pasarán o verán en Galicia

​ 

  • Visitaron o Parlamento corenta e catro rapazas e rapaces xunto das súas respectivas familias de acollida

 

Santiago, 17 de xullo de 2025. O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta mañá as nenas e os nenos saharauís e mais as familias de acollida coas que pasarán os meses de xullo e agosto en Galicia, a través do programa Vacacións en paz.

 

O programa Vacacións en paz está coordinado dende hai máis de tres décadas pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), en colaboración coa Xunta de Galicia e varios concellos.

 

A través deste proxecto, as familias de acollida permítenlles ás nenas e aos nenos saharauís afastarse temporalmente dos campos de refuxiados situados en Tindouf (Arxelia) e das altas temperaturas que se dan no verán no deserto do Sáhara.

 

Ao acto acudiron corenta e catro rapazas e rapaces que pasarán estes meses de verán nos concellos da Coruña, A Estrada, Ames, Arteixo, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Cambre, Lugo, Miño, Narón, Negreira, Oleiros, Ponteareas, Rianxo, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía.

 

O presidente da Cámara agradeceu o traballo da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e das familias de acollida por participar neste programa, e animounos a seguiren cooperando nestas iniciativas solidarias.

 

Na súa intervención, Santalices lembrou que “un dos nosos obxectivos é facer un Parlamento de Galicia máis aberto, máis social e no que nos comuniquemos mellor coa sociedade, e grazas a este tipo de actos creo que o estamos conseguindo".

 

O xefe do Lexislativo estivo acompañado pola vicepresidenta 1ª da Mesa do Parlamento, Elena Candia; a vicepresidenta 2ª, Montserrat Prado; a secretaria, Ethel Vázquez; a vicesecretaria, Patricia Iglesias; e os portavoces do Grupo Parlamentario do Partido Popular, Alberto Pazos e Paula Prado; e o portavoz do Grupo Mixto, Armando Ojea.


Saúdos, Gabinete de Comunicación



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina