A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 16 de setembro de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 27371 (12/PNC-002587)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fidalgo Iglesias, Miguel e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central referidas ao fomento do consumo de peixe
BOPG n.º 214f1, do 25.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que exixa do Goberno de España que tome medidas para impedir que o consumo do peixe siga en caída histórica, adoptando iniciativas de tipo económico como a rebaixa do IVE ou outras medidas análogas que permitan incentivar a compra destes produtos. Asemade, impulse campañas de fomento do consumo entre a xente moza, escolares e familias en xeral e se free esta tendencia tan prexudicial para o sector."
- 30377 (12/PNC-002736)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fidalgo Iglesias, Miguel e 8 máis
Sobre o criterio do Goberno galego e as accións que debe adoptar para defender os intereses do sector pesqueiro español na negociación do novo marco financeiro europeo
BOPG n.º 239f1, do 21.08.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle as seguintes demandas:
1º.- Manifestar publicamente o seu rexeitamento a calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro no próximo Marco Financeiro Plurianual (2028-2034).
2º.- Impulsar unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea con maior peso pesqueiro para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Pesqueira Común, a sustentabilidade do medio mariño e o mantemento da competitividade e resiliencia do tecido socioeconómico do litoral europeo.
3º.- Defender, no seo do Consello da Unión Europea, o mantemento dun orzamento específico e suficiente para un fondo equivalente e homologable ao actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, de forma que se garanta a competitividade, modernización e viabilidade futura do sector.
4º.- Adoptar, facer explícito e exercitar un compromiso claro en defensa e apoio do sector marítimo-pesqueiro español no marco do seu plan nacional específico, coa reserva de fondos para a pesca equivalentes aos existentes actualmente para España no seo do FEMPA.
5º.- Activar mecanismos de interlocución permanente coas Comunidades Autónomas e co sector pesqueiro galego para informar do estado das negociacións, recoller as súas achegas e aliñar a posición de Galicia e de España coas necesidades reais do sector."
- 32477 (12/PNC-002827)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 4 máis
Sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia para que rexeite a proposta do Marco financeiro da Unión Europea para o período 2028-2034, reclame máis fondos pesqueiros e procure a súa xestión por parte das comunidades autónomas
BOPG n.º 248f1, do 04.09.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1- Rexeitar con firmeza a proposta da Comisión europea para o novo marco financeiro plurianual 2028-2034.
2- Reclamar que o MFP continúe a destinar fondos específicos para a pesca e aumente a dotación da programación actual, para atender con solvencia os importantes retos e necesidades do sector pesqueiro galego.
3- Demandar que os fondos europeos, nomeadamente os destinados á pesca, continúen a ser xestionados de xeito descentralizado polas Comunidades Autónomas.
4- Esixir do Goberno do Estado a defensa explícita do sector pesqueiro galego, posicionándose nas negociación que se leven a cabo a prol de fondos propios para a pesca, cunha dotación incrementada a respecto da do actual período e acaída tanto para a viabilidade do sector como para a sustentabilidade do medio mariño e promovendo en todo caso o mantemento da súa xestión por parte da Comunidades Autónomas."