DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA CON OCASIÓN DO DÍA MUNDIAL DA DOR
Galicia é, con orgullo, unha terra pioneira no recoñecemento e na atención específica da dor. Un esforzo que debemos celebrar, pero que non podemos dar por rematado. Hoxe, a dor require unha visión máis ampla: unha estratexia transversal que impregne as políticas de educación, emprego e acción comunitaria.
Porque a dor non é só un síntoma, é unha experiencia que marca a vida dunha de cada tres persoas en Galicia. E hai quen a vive con maior vulnerabilidade: persoas neurodiverxentes, con trastornos psiquiátricos, con deterioración cognitiva ou discapacidade intelectual ou comunicativa, nenos e maiores. Para eles, a peregrinaxe polos servizos é frecuente e a solución, non obstante, é clara: tecer redes.
Ese é o eixo. Unha liña efectiva entre profesionais sanitarios, educativos, sociais e, por suposto, as asociacións de pacientes. Esta coordinación salva vidas e mellora a calidade de vida, pero require de algo fundamental: financiamento.
Por iso, o Parlamento de Galicia aposta decididamente polos programas especializados en dor, programas que son irmáns xemelgos da saúde mental.
Facemos un chamamento á sensibilidade. Converter a atención á dor nunha prioridade política non é un gasto, é un investimento en dignidade e benestar para toda a sociedade galega.