saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 28 de xaneiro de 2026

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 28 de xaneiro de 2026

      

 

​5.2 30444 (12/PNP-002341)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis

Sobre a demanda que a Xunta debe dirixir ao Goberno central para que adopte as medidas necesarias para defender os intereses do sector agrogandeiro na negociación do novo marco financeiro europeo

Publicación da iniciativa, 238f2, 20.08.2025

 

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle as seguintes demandas:

 

1º.- Manifestar publicamente o seu rexeitamento a calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual (2028-2034).

 

2º.- Impulsar unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea con maior peso rural para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Agraria Común: asegurar unha subministración estable de alimentos a prezos alcanzables, garantir un nivel de vida xusto para os agricultores, protexer o medio ambiente e promover o desenvolvemento sostible das zonas rurais.

 

3º.- Defender, no seo do Consello da Unión Europea, o mantemento dun orzamento específico e suficiente con recursos equivalentes e homologables á actual Política Agrícola Común (PAC) e aos fondos FEAGA e FEADER, de forma que se garanta a competitividade, modernización e viabilidade futura do sector.

 

4º.- Adoptar, facer explícito e exercitar un compromiso claro en defensa e apoio do sector agrícola e gandeiro no marco dun plan nacional específico, coa reserva de fondos como mínimo equivalentes aos existentes actualmente para España no marco da Unión Europea.

 

5ª-. Solicitar o anticipo da parte correspondente a España dos 45.000 millóns anuais propostos pola Unión Europea para dirixilos directamente ao sector primario; e ao mesmo tempo destinar á PAC o orzamento denominado Obxectivo Rural, é dicir, o 10 % da dotación do fondo nacional asignado.

 

6º.- Activar mecanismos de interlocución permanente coas Comunidades Autónomas e coas organizacións profesionais agrarias para informar do estado das negociacións, recoller as súas achegas e aliñar a posición de Galicia e de España coas necesidades reais do sector.

 

7º.- Protexer ao sector primario, defendendo como cuestión imprescindible a activación das cláusulas de salvagarda xa incluídas no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur e garantir e intensificar os controis de fronteira, co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares que os esixidos na Unión Europea.

 

8º.- Solicitar ante a Unión Europea a non activación provisional do citado acordo mentres non haxa garantías para o agro e certezas de que se aprobará o regulamento que desenvolva e reforce as cláusulas de salvagarda, o reforzo dos controis ou a redución das esixencias actuais para os produtores."

 

 

5.4 36282 (12/PNP-002679)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Amigo Díaz, María Encarnación e 8 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno de España respecto da reforma do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde

Publicación da iniciativa, 268f1, 15.10.2025

 

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que:

 

1.- A reforma do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde se realice co consenso e participación efectiva das Comunidades Autónomas e dos sectores profesionais implicados.

 

2.- O Ministerio de Sanidade presente unha memoria económica e técnica das medidas propostas para a modificación do Estatuto Marco.

 

3.- Se asegure que as modificacións do Estatuto Marco contribúan a dar resposta ao déficit de profesionais sanitarios, especialmente en atención primaria e nos postos de difícil cobertura".


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina