Santalices sitúa a obra de Acisclo Manzano como exemplo da cadea de continuidade da arte galega
Santiago, 24 de febreiro de 2026.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou hoxe, na inauguración da exposición Bosquexos para Mateo de Acisclo Manzano, que o traballo do artista ourensán que se expón no Museo das Peregrinacións «é a demostración de que a arte galega non é unha herdanza pechada, senón unha magnífica cadea de continuidade».
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo destacou que a recreación que fai o autor de varias figuras do Pórtico da Gloria é un exercicio de fidelidade creadora que require coñecemento histórico, sensibilidade artística e unha extraordinaria capacidade escultórica. «Só quen entende profundamente o espírito do románico pode dialogar así co mestre Mateo», engadiu.
Por outra banda, o presidente do Parlamento reafirmou o compromiso da Cámara autonómica coa cultura como expresión maior da nosa identidade colectiva.
Saúdos, Gabinete de Comunicación