A Comisión 4ª, Educación e Cultura, na súa sesión do 17 de marzo de 2026, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 50347 (12/PNC-003920)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Grueira Fernández, Nicole e 9 máis
Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego co fin de que promova un Pacto de Estado polo futuro da xuventude
BOPG n.º 337f1, do 20.02.2026
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 7 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Promover a posta en marcha dun Pacto de Estado polo Futuro da Xuventude, baseado no diálogo e no consenso político e social, que permita articular políticas públicas coordinadas, estables e a longo prazo en materia de xuventude. E garantir a dotación de recursos suficientes e a coordinación interadministrativa para a implementación efectiva de políticas de emprego, formación, vivenda, mobilidade e participación xuvenil en todo o territorio estatal.
2.- Impulsar a participación das comunidades autónomas no deseño e desenvolvemento deste pacto, garantindo o respecto ao marco competencial e a cooperación institucional.
3.- Incorporar aos axentes sociais, educativos e económicos, así como ás organizacións xuvenís, no proceso de elaboración do Pacto de Estado, co obxectivo de responder de maneira eficaz ás necesidades reais da mocidade.
4.- Establecer mecanismos de avaliación e seguimento das medidas incluídas no devandito pacto, que aseguren a súa eficacia, sustentabilidade e impacto real na mellora das condicións de vida da xuventude."
Aprobación con modificacións
- 38665 (12/PNC-003377)
Grupo Parlamentario Socialista de Galicia
Bouza Manso, Aitor e Longueira Castro, Silvia
Sobre diversas medidas que debe desenvolver a Xunta de Galicia para garantir a atención á diversidade e a educación inclusiva en todos os centros educativos de Pontedeume
BOPG n.º 286f2, do 19.11.2025
Sométese a votación por puntos co seguinte resultado:
Punto 1: aprobado pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
Puntos 2, 3, 4 e 5 (emenda do G.P. do Bloque Nacionalista Galego, doc. núm. 51991) rexeitados por 7 votos a favor, 9 votos en contra e 0 abstencións:
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a garantir, de forma inmediata, a cobertura de todas as prazas de profesorado especialista necesarias nos centros educativos de Pontedeume, incluíndo coidadores/as, mestres de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, profesionais de apoio educativo e persoal de orientación."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 50378 (12/PNC-003926)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Vázquez Suárez, Cecilia e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central respecto do conflito xurdido co Programa de auxiliares de conversa
BOPG n.º 337f1, do 20.02.2026
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que solicite ao Ministerio de Traballo e Economía Social e, de novo, ao Ministerio de Educación:
1. Que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para dar unha solución ao conflito xurdido co programa de Auxiliares de Conversa, garantindo a súa continuidade en toda España.
2. Que ambos ministerios se coordinen co obxectivo de establecer un marco xurídico e laboral claro, estable e común para todas as comunidades autónomas, que dea seguridade ás administracións educativas e evite interpretacións dispares por parte da Inspección de Traballo.
3.Que calquera decisión que se tome asegure que non se repercutan custos extraordinarios para a Xunta de Galicia, que xa financia case na súa totalidade o programa."