Santalices sitúa Otero Pedrayo e Carvalho Calero como construtores da identidade galega
Santiago, 18 de marzo de 2026.- Coincidindo coa celebración do Ano Oteriano, o Parlamento de Galicia acolleu hoxe unha xornada dedicada a analizar a relación que mantiveron Otero Pedrayo e Carvalho Calero, dúas figuras esenciais ás que o presidente Miguel Ángel Santalices Vieira situou entre os grandes construtores da Galicia contemporánea e da nosa identidade.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo lembrou a estreita relación intelectual e persoal que ambos mantiveron, e que levou Otero Pedrayo a ver en Carvalho Calero un continuador do labor cultural iniciado pola súa xeración. Por outra banda, salientou o compromiso da Cámara coas iniciativas e cos proxectos que homenaxean e reivindican a historia e a cultura galegas.
Neste senso, o presidente do Parlamento referiuse tanto á creación das cátedras de Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero, que contan coa participación do propio Parlamento de Galicia, da Xunta e da Universidade de Santiago de Compostela, como a que o Pazo do Hórreo acolle desde o ano 1997 a biblioteca e o arquivo persoal de Carvalho Calero, «un conxunto valioso conformado por arredor de 5.000 libros e preto de 4.000 cartas», que está á disposición do mundo cultural e académico.
Nesta conmemoración do centenario do ingreso de Carvalho Calero na Universidade, Santalices citou a quen foi catedrático de Lingua e Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela como «un home de pensamento fondo, palabra firme e coherencia vital» que o levaron a atravesar páxinas decisivas da nosa historia, como a renovación cultural do galeguismo, a defensa da lingua e a construción dun pensamento rigoroso arredor da identidade galega.
Por último, o xefe do Lexislativo reafirmou o compromiso da Cámara autonómica coa defensa e a promoción do galego como patrimonio común na construción da obra colectiva que é Galicia.
Participantes
A xornada, que se celebrou no Parlamento de Galicia, contou coa participación de Pilar García Negro, profesora honoraria da Universidade da Coruña, Aurora Marco, profesora da USC, Xosé L. Axeitos, catedrático de Literatura e académico da Real Academia Galega e Manuel Castelao, catedrático de Literatura. Na mesa redonda interviñeron Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Carme Fernández, profesora da Universidade da Coruña, e a xornalista Maribel Outeiriño, e na clausura Mª Victoria Carballo Ramos.