Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 25 de marzo de 2026
4.1 692 (12/PNP-000055)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pomar Tojo, Carmen María e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central para que amplíe o prazo de consulta pública previa na tramitación do futuro regulamento de costas Publicación da iniciativa, 9f1, 11.04.2024
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1º- Garantir a máxima transparencia no procedemento de adaptación da normativa de costas ao ditame motivado emitido pola Comisión Europea no procedemento de infracción INFR (2022) 4121, remitindo ás comunidades autónomas costeiras, en particular á nosa, Galicia, a documentación completa do expediente, incluídos os intercambios de comunicacións coas institucións europeas e os informes internos dispoñibles.
2º-Convocar con carácter urxente a Conferencia Sectorial correspondente para debater con todas as comunidades autónomas costeiras o alcance da reforma do Regulamento Xeral de Costas e, no seu caso, da Lei de Costas, asegurando un auténtico proceso de cogobernanza no que se teñan en conta as competencias e a realidade específica de cada territorio, e dando resposta expresa ás alegacións presentadas por Galicia, e non convertendo o período de consulta pública nun trámite do expediente baleiro de contido.
3º- Priorizar unha revisión ordenada e consensuada da Lei 22/1988, de Costas, e da Lei 2/2013, de protección e uso sostible do litoral, antes de adoptar modificacións regulamentarias de gran calado, de modo que calquera cambio no réxime de duración, prórroga e extinción das concesións no dominio público marítimo-terrestre realícese con pleno respecto ao principio de xerarquía normativa e á reserva de lei en materia de dominio público.
4º- Realizar e facer público un estudo detallado de impacto económico, social e laboral das reformas que se proxecten sobre as concesións no Dominio Público Marítimo-Terrestre, incluíndo, polo menos: a) Número de concesións vixentes potencialmente afectadas por unha eventual redución da duración máxima. b) Desagregación por sectores (pesca, marisqueo, acuicultura, transformación de produtos do mar, turismo, hostalería, portos deportivos e outros servizos). c) Estimación do impacto en investimento, emprego e tecido empresarial nas comunidades autónomas costeiras.
5º- Asegurar de forma expresa a plena seguridade xurídica das concesións xa outorgadas e dos investimentos realizados ao amparo do marco normativo vixente, evitando calquera retroactividade material das modificacións regulamentarias e garantindo o respecto ás prórrogas ordinarias e extraordinarias legalmente previstas, particularmente no caso das concesións compensatorias vinculadas a procesos de expropiación derivados de novos deslindes do dominio público marítimo-terrestre.
6º- Definir, en diálogo coas comunidades autónomas e con base en criterios científicos contrastados, os criterios técnicos de deslinde do dominio público marítimo-terrestre, evitando interpretacións expansivas baseadas en episodios extremos illados de temporais e garantindo que calquera modificación compásese cos principios de xestión integrada do litoral e coa protección efectiva dos espazos naturais e das actividades tradicionais que se desenvolven neles, e establecendo, de común acordo coas comunidades autónomas, unha moratoria na aprobación de novos deslindes ou na revisión dos existentes mentres se redefinen os criterios técnicos e se clarifica o marco concesional, salvo en supostos de risco certo para as persoas ou os bens.
7º- Garantir que, nos núcleos tradicionais costeiros con valor etnográfico, quede salvagardado o dereito á propiedade privada dos titulares rexistrais de inmobles afectados por novos deslindes do dominio público marítimo terrestre, respectando, en todo caso, que calquera eventual alteración do devandito status leve unha indemnización íntegra dos dereitos demaniais dos mesmos que puidesen ser modificados.
8º- Garantir que calquera modificación do prazo ou das condicións das concesións xa outorgadas ao amparo da Lei 2/2013 leve unha indemnización íntegra conforme ao artigo 33.3 e ao artigo 106.2 da Constitución, que comprenda tanto o dano emerxente como o lucro cesante derivado da redución do período concesional.
9º- Suspender preventivamente a tramitación do anteproxecto de Real Decreto de modificación do Regulamento Xeral de Costas naqueles preceptos que incidan directamente no réxime de duración e prórroga das concesións que amparan actividades económicas."
4.2 37014 (12/PNP-002726)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sanz Arias, Cristina e 6 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central para que traspoña a directiva europea relativa ao réxime de franquía do IVE destinado ás pequenas empresas e ao colectivo de autónomos/as
Publicación da iniciativa, 272f1, 22.10.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a transposición urxente da Directiva UE 2020/285 do Consello do 18 de febreiro e, deste xeito, poñer en funcionamento antes de que remate o ano o réxime de franquía do IVE para pequenas empresas e persoas autónomas".