saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia no Día Internacional do Pobo Xitano

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA

 NO DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO

 

Celebramos, máis un ano, o 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano. Unha celebración que conmemora o I Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres en 1971, no que se adoptaron os símbolos propios do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella, e o himno Gelem, Gelem. En España foi en 2018, a pedimento do Congreso dos Deputados, cando tivo lugar o recoñecemento do 8 de abril como Día do Pobo Xitano, así como o uso da bandeira e do himno xitanos. 

O Día Internacional do Pobo Xitano, é o momento de reiterarmos o noso compromiso como institución, como sociedade, como país, coa plena igualdade dos xitanos e as xitanas. Igualdade desde o recoñecemento da diversidade e do valor e a riqueza que achega o pobo xitano, que forma parte da nosa historia e a nosa cultura compartidas.

É importante reiterarmos este compromiso tras un ano de homenaxes e celebracións, 2025, declarado Ano do Pobo Xitano con motivo da celebración do 600º aniversario da chegada do pobo xitano á península ibérica. Unha celebración que serviu, sen dúbida, para coñecer mellor o pobo xitano e para lembrar a súa contribución histórica, social e cultural á construción da identidade colectiva do noso país, sen esquecermos un pasado de rexeitamento e discriminación que marcou a historia dos xitanos e as xitanas.

Unha vez finalizado este aniversario, as institucións debemos reiterar o noso compromiso para abordarmos os grandes retos que afectan o pobo xitano, as desigualdades históricas que limitan o progreso, a promoción e a igualdade das persoas xitanas. A pobreza, o fracaso escolar, a desigualdade no emprego, a segregación escolar ou a segregación residencial combátense con vontade política, con políticas públicas e con investimentos adecuados.  Debemos ir máis aló das declaracións institucionais e comprometernos a garantir dereitos.

Levamos seiscentos anos de historia compartida e, con todo, o pobo xitano continúa a ser un gran descoñecido para o conxunto da sociedade. E é nese descoñecemento no que se basean os prexuízos, o rexeitamento e a discriminación. Debemos avanzar no coñecemento e no recoñecemento do pobo xitano.

O 8 de abril, unha celebración á que cada vez máis institucións e persoas se suman  ano a ano, honramos a memoria do pobo xitano e comprometémonos cunha sociedade xusta, baseada nos dereitos e nas liberdades, nos valores democráticos, na igualdade de oportunidades e na cohesión social, na que non poden quedar fóra os xitanos e as xitanas.

Vivimos nun contexto de dificultades e de incerteza, pero que non pode supoñer un paso atrás nos avances que demos na garantía de dereitos e de oportunidades para o pobo xitano. Esta conmemoración debe traducirse tamén en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo, e avanzar en dereitos, cidadanía e recoñecemento do Pobo Xitano.

É un día de celebración e unha oportunidade para coñecermos mellor o pobo xitano. 

​ 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina