- O volume é obra do actual presidente do Centro Galego, Manuel Carrete Rivera, “un dos artífices de que a galeguidade se manteña forte en Barcelona”
- Santalices recorda a Tiberio Ávila, filántropo ourensán biografiado por Manuel Carrete, que foi profesor de Picasso e o primeiro vicepresidente do Centro Galego de Barcelona.
Santiago, 29 de marzo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Santiago, no acto de presentación do libro Centro Galego de Barcelona. Conciencia de Galicia, do que é autor Manuel Carrete Rivera, presidente do Centro Galego de Barcelona.
Santalices Vieira valorou o traballo que está a desenvolver o actual presidente do Centro Galego de Barcelona e autor da obra presentada, Manoel Carrete Rivera, galego de segunda xeración asentado na cidade condal e activista destacado da cultura galega de Barcelona, “unha fecunda realidade que agroma cada día con multitude de formas”.
“Manoel Carrete defínese a sí mesmo como ‘cen por cen galego anque nacera en Cataluña’ e, quizais por iso, é un dos artífices de que o lume da galeguidade se manteña aceso e forte en Barcelona”, afirmou Santalices Vieira.
O presidente do Parlamento de Galicia, tamén subliñou a importancia da obra presentada hoxe, que trata de dar a coñecer novas históricas do Centro Galego de Barcelona, poñendo en valor, deste xeito, a traxectoria do decano de todos os centros galegos de Europa, dado que foi fundado o 7 de abril de 1892.
Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia recordou a figura de Tiberio Ávila, filántropo ourensán biografiado por Manuel Carrete noutro libro, que foi profesor de Picasso e primeiro vicepresidente do Centro Galego de Barcelona.
Conexión ferroviaria
Lembrou que Tiberio Ávila foi, como deputado a Cortes, un dos impulsores da chegada do ferrocarril a Ourense en 1881, e despois, xa asentado en Cataluña, defendeu a conexión ferroviaria con Galicia para para dar saída á produción cárnica galega.