saltar ao contido

O presidente do Parlamento súmase ao recoñecemento da figura de Isabel Zendal, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional

Documental 02/12/2016

• Santalices Vieira participou en Ordes na estrea do documental “Isabel Zendal, la enfermera que cambió el rumbo del mundo”, producido por Enfermería TV para divulgar esta figura clave, e ata o de agora descoñecida, na Real Expedición Filantrópica da Vacina que zarpou da Coruña en 1803 para inmunizar contra a variola en América e Asia
 
• Isabel Zendal é protagonista dun “feito excepcional, digno de figurar en todos os libros de historia e que, por suposto, nos debe encher de satisfacción como pobo”, afirma Santalices
 
Santiago, 2 de decembro de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá, na casa da cultura de Ordes, na estrea do documental “Isabel Zendal, la enfermera que cambió el rumbo del mundo”, producido por Enfermería TV e que rescata do esquecemento a figura dunha galega que resultou clave para levar a vacina da variola a América e Asia nos primeiros anos do século XIX.
 
Isabel Zendal Gómez, nada en Santa Mariña de Parada (Ordes), era ata o de agora a gran descoñecida da Real Expedición Filantrópica da Vacina, financiada polo rei Carlos IV, e que zarpou do porto da Coruña en 1803 para levar o inóculo da variola a América e, finalmente, a Filipinas, co obxectivo de frear os estragos que provocaba esta enfermidade infecciosa.
 
Éxito da cadea de vacinación
 
Como apuntou Santalices, aínda que os restantes integrantes da expedición, como Balmis ou Salvany, entre outros, eran coñecidos con maior ou menor detalle, as referencias a Isabel Zendal eran máis escasas malia que “ela foi a responsable directa do máis preciado de aquela aventura: de prestar todo tipo de coidados aos nenos que portaban a vacina nos seus propios corpos. Se eses coidados non tiveran sido efectivos, nada tería sido posible”. Grazas a Isabel Zendal, a cadea de vacinación  puido manterse viva entre os nenos  expósitos que a portaban.
 
A OMS recoñece desde 1950 a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e o Premio Nacional de Enfermería de México leva o seu nome, entre outros recoñecementos.
 
Sen embargo, en Galicia e en España, Isabel Zendal foi “inxustamente ignorada durante máis de dous séculos. Porque nin daquela nin agora se ten recoñecido o verdadeiro alcance desta fazaña, única no mundo”, en palabras de Santalices.
 
Unha recente investigación do historiador e xornalista Antonio López Mariño sacou á luz moitas das incógnitas que rodeaban a traxectoria vital de Isabel Zendal Gómez e a última edición dos premios Enfermería en Desarrollo recoñeceu o labor desta muller a través dun premio recollido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
 
Recuperar unha figura histórica
 
Santalices Vieira afirmou que con actos como o de hoxe “poñemos un chanzo na recuperación da figura histórica dunha das nosas grandes heroínas”  e agregou que “con frecuencia de máis, enredámonos en discursións absurdas, enxalzando o negativo e soterrando no esquecemento  feitos dignos da máxima consideración, que poñen en valor o mellor do ser humano”.
 
Ao seu xuízo, “que Galicia teña ocupado, a través da figura de Isabel Zendal, un papel protagonista na historia de América, e tamén de Asia, constitúe un feito excepcional, digno de figurar en todos os libros de historia e, por suposto, nos debe encher de satisfacción como pobo”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina