saltar ao contido

O Parlamento de Galicia recibe a Medalla de Ouro de ANFACO-CECOPESCA polo seu apoio á industria conserveira de peixes e mariscos

Medalla de Ouro ANFACO-CECOPESCA 05/05/2017

. O presidente do Parlamento agradece o recoñecemento no nome de todas as deputadas e deputados e reitera que a Cámara “está para contribuír a resolver os problemas, xamais para crealos”
 
. “Nun país e nunha Comunidade tan proclives ao minifundismo, a traxectoria de ANFACO-CECOPESCA constitúe un exemplo a seguir”, afirma Santalices
 
Santiago, 5 de maio de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recolleu hoxe a Medalla de Ouro de ANFACO-CECOPESCA, concedida á Cámara como recoñecemento polo traballo que desenvolve a favor da competitividade da industria de transformación e comercialización de conservas de peixes e mariscos e a defensa dos intereses do sector.

No acto de entrega do galardón, celebrado en Vigo este mediodía, o presidente do Parlamento agradeceu a distinción, no nome dos deputados e deputadas que integran a Cámara que, “malia discusións ou desencontros puntuais, procuramos sempre o ben común e o mellor para Galicia e para os galegos”. Admitiu que non resulta frecuente que a sociedade civil recoñeza o traballo dunha institución política e sinalou que “esta medalla ten, ademais, un valor especial por ter sido concedida por unha organización enormemente prestixiosa e prestixiada”.
 
Santalices puntualizou que co labor recoñecido por ANFACOCECOPESCA, o Parlamento limitouse a cumprir coa súa obriga, “defender os intereses dun sector estratéxico para a nosa economía e para as nosas familias”. Sinalou, nesta liña, que “o Parlamento de Galicia está para contribuír a resolver os problemas, xamais para xeralos”.
 
O titular da Cámara galega puxo en valor o traballo de ANFACOCECOPESCA, unha organización empresarial independente, de ámbito nacional, que centra o seu labor na representación e defensa dos intereses de máis de 245 empresas pertencentes ao complexo mar-industria.
 
Exemplo a seguir

“Nun país e nunha Comunidade tan proclives ao minifundismo, a traxectoria de ANFACO-CECOPESCA constitúe un exemplo a seguir”, subliñou Santalices. Valorou especialmente o traballo que desenvolve o Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca que, na súa opinión, certifica que “o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación é sempre unha aposta rendible.
 
Na súa intervención, Santalices referiuse tamén ás liñas de traballo que está a impulsar desde a Presidencia da Cámara, orientadas a incrementar a calidade do traballo parlamentario, ao tempo que procura potenciar a relación entre o Parlamento e a sociedade.
 
Recordou tamén o presidente do Parlamento o seu empeño por “limitar a comida lixo e promover o consumo de alimentos cardiosaudables” no recinto da Cámara galega. E apuntou que como profesional sanitario sabe que “o peixe e o marisco en conserva pode e debe formar parte dunha dieta variable e saudable”.
 
O presidente do Parlamento rematou a súa intervención congratulándose por poder compartir as Medallas de ANFACOCECOPESCA coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, “unha das persoas máis traballadoras e valiosas que coñezo”, que recibiu a medalla de Prata. A Medalla de Bronce foi concedida a dúas traballadoras do sector conserveiro: Josefa García Lage, empregada de Hijos de Carlos Albo, e a Dolores Couto Loureiro, de Calvo Conservas. “Elas dúas exemplifican o labor insubstituíble de tantas e tantas traballadoras do sector, protagonistas silenciosas da exitosa expansión que vive a industria galega e española da conserva”, afirmou Santalices.
 
“Poder compartir esta distinción con tres mulleres como as que tamén hoxe foron galardoadas –rematou o presidente do Parlamento- fai que me sinta especialmente honrado porque se acredita unha vez máis que elas, as mulleres, son o verdadeiro motor, do mundo e de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina